Industria pide a Alcoa que detalle os termos do plan industrial
O Ministerio de Industria recibiu a proposta que Alcoa dirixiu aos representantes sindicais da súa planta en San Cibrao e que se basea no desenvolvemento dun plan de viabilidade que ofrece a continuidade do emprego e unha solución para a fábrica a medio-longo prazo.
Alcoa asume varios compromisos: un permiso retribuído aos traballadores durante o cesamento temporal; o compromiso de non acometer despedimento colectivo algún en catro anos, ata 2025; o rearranque das cubas o 1 de xaneiro de 2024 ata chegar ao 100% da produción de aluminio primario e o intento de alcanzar canto antes preacordos de subministración eléctrica para un período de medio-longo prazo a partir de 2024.
Tamén expón o cesamento transitorio da actividade de electrólise e da planta de ánodos, coa consecuente parada das cubas.
A posición do Goberno de España sempre se orientou cara a dous obxectivos que han de ir necesariamente da man: o mantemento do emprego e o mantemento da capacidade produtiva de aluminio primario da planta, a medio e a longo prazo.
Desde o Ministerio de Industria esperamos manter unha reunión nos próximos días onde Alcoa explique a todas as partes interesadas – Goberno de España, Xunta de Galicia e Comité de Empresa - os termos da proposta con maior detalle e en particular, o plan industrial que detalle os investimentos necesarios para garantir as capacidades industriais e a competitividade da planta. Así mesmo, é necesario un maior detalle sobre as actuacións que garantan a base actual de clientes e os seus contratos de subministración.
O Ministerio de Industria reitera o compromiso firme do Goberno co mantemento da planta e dos postos de traballo e a confianza de que se traballamos xuntos – Goberno, Xunta, sindicatos e empresa – chegaremos a unha solución definitiva que garanta o futuro da planta.