Alcoa reiniciará as cubas da fábrica de San Cibrao o luns 29 de xaneiro

AMariñaXa
A multinacional estadounidense Alcoa quere dilatar o rearranque do Aluminio ata 2025 para reducir o seu custe
26 xaneiro Lorenzana Mesa Seguimento Alcoa_6
26 Xan 2024

Celebrouse unha nova reunión da comisión de seguimento de Alcoa no Ministerio de Industria e Turismo coa asistencia da secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró; a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e representantes da empresa e do comité de empresa.

Durante a reunión, a secretaria de Estado instou a Alcoa a cumprir cos compromisos adquiridos cos traballadores e a garantir a reapertura da planta e o mantemento do emprego. Ademais, ofreceu á compañía todos os instrumentos dos que dispón o Goberno de España para afrontar as dificultades financeiras que atravesa Alcoa, segundo manifestaron os seus representantes.

“É a propia empresa a que ten que seguir dando pasos. Hoxe comunicou que vai renovar as cubas pero ten que respectar todos os acordos. Desde o Goberno necesitamos información concreta para coñecer as súas necesidades e estudar que instrumentos financeiros e de investimento podemos ofrecerlles, como o PERTE de descarbonización, que acabamos de convocar”, sinalou Rebeca Torró.

Así mesmo, a secretaria de Estado de Industria reiterou “o compromiso firme do Goberno para traballar por que un sector estratéxico como o aluminio en Galicia siga en España”.

Pola súa parte Alcoa dixo que reiniciará as cubas de San Cibrao este luns 29 de xaneiro, pero advertiu "de que así os fondos para a fábrica esgotaranse antes". Dixo tamén que toma esta decisión para cumprir o acordo de viabilidade, ao non contestar o comité á súa proposta de aprazamento.

Segundo a empresa "os traballos para enerxizar as 32 cubas de electrolisis da planta de Aluminio comezarán o luns, 29 de xaneiro. O prazo estipulado no acordo de viabilidade sinala que deben estar en marcha a partir do 1 de abril.

COMITÉ DE EMPRESA

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, sinalou que a reunión foi "totalmente improdutiva porque Alcoa non trouxo ningunha concreción", e engadiu que "fai mes e medio dixo que quería traer propostas e hoxe veñen sen nada e que convocarán a unha nova reunión nunhas 2 ou 3 semanas".

Sobre o cambio de planificación de Alcoa no relativo á reactivación das cubas, di que "falar sobre algo que xa estaba asinado e un pouco de risa", e que as cubas "vanas arrancar no último momento".

Sobre a posible intervención temporal e instrumental, di que "o primeiro é que temos un acordo para darlle viabilidade a todos os empregados e á planta, sexa con Alcoa ou coa intervención. Pero nos esiximos que se cumpra o plan de viabilidade."

XUNTA

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, considera que esta actitude non é propia dunha compañía do nivel de Alcoa e cre que non achega seguridade, senón que amosa mala fe, malas formas e unha mala praxe. “A actitude de Alcoa xera inseguridade e a súa palabra é pouco fiable”, asegurou Lorenzana que explicou que propuxo dar un ultimato á empresa para que “clarifique dunha vez por todas que vai facer”.

A titular de Economía, Industria e Innovación, trasladou que a Xunta estaría disposta a apoiar ao Estado nunha intervención temporal e instrumental da empresa co obxectivo de buscar un novo comprador que garanta a continuidade da actividade na planta. Neste sentido, comprometeuse a apoiar o emprego e a actividade industrial con todos os mecanismos legais e con todos os instrumentos como o Igape, as sociedades de capital risco ou mesmo a través da Sociedade Impulsa: “Existe un compromiso absoluto do Goberno de Galicia cos traballadores e o emprego da comarca”, subliñou.

Por outra banda, a conselleira advertiu á empresa de que, no caso de decidir non continuar coa actividade, debería facer fronte a indemnizacións por incumprir o acordado e tamén laborais, así como responsabilidades medioambientais debido a súa saída desordenada. “Para que Alcoa se vaia debe deixar moito diñeiro en España e Galicia para que a seguinte empresa poida reactivar unha fábrica que é esencial, pois é a única de aluminio primario do país”, explicou mentres lembrou que dá emprego directo a mil persoas, así como outros mil indirectos ademais da actividade económica que xera.

Lorenzana quixo deixar claro que o Goberno galego nunca vai apoiar formas e estratexias desta índole e amosouse indignada pola actitude de Alcoa cara aos dous gobernos e o comité de empresa.

https://galiciaxa.com/2024/01/amxa/des-amxa/251047/

0.14502310752869