Industria convocará á comisión de seguimento de Alcoa para analizar os cambios no plan de inversións anunciados
O Ministerio de Industria e Turismo está en contacto coa empresa Alcoa e cos representantes sindicais, tras coñecerse na mañá de hoxe a decisión da empresa aprazar a construción dun forno de cocción de ánodos na planta de San Cibrao.
"Alcoa tomou a decisión de aprazar temporalmente a aprobación definitiva do proxecto do forno de cocción de ánodos debido á complexa situación financeira na que nos atopamos", comunicaron dende a multinacional.
"As plantas de San Cibrao esperan perdas significativas en 2024 debido a unha variedade de factores, entre eles o prezo da enerxía, e os do aluminio e a alúmina. Así mesmo, non estamos a ver os avances que nos gustase no desenvolvemento dos PPA’s asinados en 2022", engaden.
Unha vez coñecida a decisión da empresa, o Ministerio de Industria e Turismo decidiu convocar proximamente a comisión de seguimento de Alcoa para analizar, xunto á representación da empresa e os sindicatos, o impacto desta medida.
"É importante sinalar que esta decisión non implica un incumprimento dos nosos compromisos. Seguimos traballando para cumprir co establecido no acordo de viabilidade e estamos comprometidos a facer todo o que podamos para lograr o mellor resultado para os nosos empregados", remataron dicindo dende Alcoa.
Para o departamento que dirixe o ministro Jordi Hereu, a prioridade é garantir o futuro da actividade produtiva e o mantemento do emprego na planta de San Cibrao, de conformidade cos compromisos adquiridos cos traballadores, e que se asegure a viabilidade esta planta.