Industria convoca unha nova reunión da comisión de seguimento de Alcoa para o venres
O Ministerio de Industria e Turismo, a través da secretaría de Estado de Industria, convocou para o vindeiro venres 26 de xaneiro a comisión de seguimento de Alcoa. Así llo trasladou a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, aos representantes do comité de empresa de Alcoa, reunidos por videoconferencia.
Industria mantivo diferentes conversacións coa empresa, tal e como se acordou proceder na última comisión de seguimento realizada no mes de decembro, para que a empresa trasladase ao Goberno de España a concreción das súas necesidades para trazar unha folla de ruta ante a situación actual que atravesa a planta.
Torró subliñou durante a reunión o compromiso firme do Goberno para traballar pola industria do aluminio en Galicia e por unha empresa estratéxica como Alcoa, tanto para a rexión como para o resto de España, e así llo quixo transmitir aos traballadores.
BNG.
A candidata do BNG, Olalla Rodil, lembrou que "a empresa estadounidense acordou coas traballadoras e traballadores rearrancaría 32 cubas de electrólise a partir de xaneiro para culminar co acendido das 512 da factoría no outono de 2025 e acaba de comunicar ao comité de empresa que apraza ese compromiso despois de adiar xa o investimento no forno de anódos que tampouco fixo. O BNG resalta que "unha empresa multinacional non pode ningunear un goberno e Alcoa leva moitos anos ameazando o futuro industrial da Mariña, de Lugo e de Galicia".
"Cómpre lembrar que a planta de aluminio de San Cibrao é a única de todo o estado, dá emprego a máis de 500 persoas e representa ⅓ do PIB da provincia. Nin A Mariña, nin Lugo nin Galicia pode perder unha industria desta embergadura" dixo Rodil e engadiu "por iso desde o BNG insistimos en que a Xunta de Galiza debe porse ao frente, exercer as súas competencias en materia industrial e demandar, tanto da empresa como do Goberno central, o cumprimento dos acordos asinados por Alcoa en San Cibrao, o mantemento da actividade industrial e, por suposto, dos postos de traballo".
O BNG considera é hora de que os gobernos, galego e español, busquen unha solución definitiva ao futuro da produción de aluminio en Galiza e acaben con esta lenta agonía que levan soportando tantos anos os traballadores e traballadoras de Alcoa e o conxunto da comarca. Desde o BNG queremos reiterar o noso compromiso firme co mantemento da produción de aluminio en San Cibrao e cos postos de traballo en Alcoa e por iso insistimos en que, se o BNG goberna a Xunta de Galicia a partir das eleccións do 18 de febreiro, esixiremos á empresa o cumprimento dos investimentos e impulsaremos, se é necesaria, a intervención pública da fábrica para garantir a súa continuidade. "Galicia debe gañar músculo industrial, non perder o pouco que lle queda" sentenciou Olalla Rodil que mantivo no día de onte unha xuntanza co comité de empresa, xunto ao representante do BNG no congreso Nestor Rego.
Na próxima comisión de seguimento abordaranse, entre outras cuestións, a análise da situación financeira da planta de San Cibrao, en Lugo, e o estado de execución dos acordos asinados.