Indignación no CEIP de Covas polos novos recortes en PT e AL

AMariñaXa
FAPACEL acusa á Consellería de desatender ao alumnado con necesidades específicas e apoiar as mobilizacións das familias
Ceip-Covas-Viveiro-2024
22 Nov 2025

A Federación de ANPAs de Centros Públicos de Lugo (FAPACEL) fixo pública unha denuncia “con absoluta rotundidade” sobre a situación que está a atravesar o CEIP de Covas. Tal e como sinalan, o que ocorre neste centro “non é un caso illado”, senón a consecuencia directa dunha política continuada de recortes en profesorado de apoio, atención á diversidade e recursos indispensables para garantir unha educación digna.

A organización lembra que máis do 20% do alumnado deste colexio precisa intervención especializada e considera “totalmente inaceptable” que, nese contexto, a Consellería continúe reducindo horas de Pedagoxía Terapéutica (PT) e de Audición e Linguaxe (AL), ao tempo que ignora as peticións reiteradas das familias e do propio centro educativo. Para FAPACEL, estamos ante “un abandono institucional evidente”.

A federación afirma que a Administración está vulnerando o dereito do alumnado a recibir a atención educativa que precisa, e que o fai “coa maior das impunidades”, restando profesionais, atrasando coberturas, improvisando organizacións internas e obrigando ao profesorado a asumir cargas imposibles. Unha situación que, aseguran, non só afecta ao alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE), senón ao funcionamento xeral do centro.

Sobre a proposta da Xunta de incorporar unhas poucas horas adicionais á semana, FAPACEL cualifícaa de “pequeno parche” e de “intento de silenciar o problema sen afrontalos”. Consideran que é unha medida absolutamente insuficiente e mesmo “unha falta de respecto ás familias, ao profesorado e ao alumnado”.

A entidade manifesta o seu apoio absoluto á ANPA do CEIP de Covas e ás mobilizacións iniciadas, ao tempo que esixe da Consellería medidas inmediatas e concretas consistentes en restituír todas as horas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe que foron recortadas, garantir unha cobertura estable, continuada e suficiente durante todo o curso escolar e elaborar un plan serio e efectivo que permita atender a diversidade real existente nos centros públicos da comarca e da provincia.

FAPACEL conclúe lembrando que a educación pública “non pode depender da paciencia das familias nin da boa vontade do profesorado”. A responsabilidade, insisten, é da Administración, e consideran que neste caso “está incumpríndoa”.

⚙ Configurar cookies
0.070280075073242