Incerteza entre a veciñanza pola falta de programación detallada do Ribadeo Indiano 2025

Ribadeo prepárase para acoller unha nova edición da súa festa máis emblemática, o Ribadeo Indiano, que este ano se celebrará entre o 11 e o 13 de xullo. O cartel oficial xa foi presentado, así como a figura homenaxeada: Ramón González, filántropo local nacido na rúa San Roque, que fixo fortuna en Arxentina e contribuíu notablemente ao desenvolvemento da vila. Con todo, moitos veciños e visitantes habituais comezan a mostrar certa inquedanza pola falta de publicación da programación detallada por días, ademais de pola desactivación da páxina web oficial www.indiano.ribadeo.org.
Nas últimas semanas, multiplicáronse os comentarios tanto nas redes sociais como nas conversas cotiás nas rúas de Ribadeo e noutras localidades galegas. “Xa temos as datas, sabemos quen é o homenaxeado, pero seguimos sen saber que actuacións haberá ou que actividades se farán cada día”, comentan moitas persoas que adoitan organizar con antelación a súa estadía na vila.
O Ribadeo Indiano é moito máis ca unha festa: é un punto de encontro para familias enteiras que regresan á vila cada ano, grupos de amigos que se visten de época, e turistas que aproveitan a ocasión para descubrir a historia e o patrimonio local. Por iso, a programación diaria resulta esencial para moitos, especialmente para quen se despraza dende outras partes de Galicia ou do Estado. “Sen saber o día do concerto que nos interesa, non podemos escoller cando ir”, din moitos.
A edición de 2025 incluirá como é habitual actividades para todos os públicos: música, visitas guiadas, talleres, pasacalles, mercado de ultramar, xogos infantís e ambientación da vila ao estilo de comezos do século XX. Pero, máis alá dos contidos xerais xa anunciados, o que se bota en falta é unha axenda concreta con horarios, espazos e propostas día a día.
Este ano, a festa ten ademais un forte contido histórico e simbólico, ao dedicarse á figura de Ramón González, empresario e benefactor que financiou proxectos como a praza de abastos, o teatro, ou a renovación da Alameda. A súa traxectoria é exemplo da emigración con retorno, tan presente na memoria colectiva da Mariña.
A falta de calendario detallado xera tamén incertezas nos sectores comerciais e hostaleiros, que adoitan organizar programación paralela e reforzar os seus equipos en función das previsións. Moitos establecementos xa teñen as súas reservas completas, pero sinalan que unha comunicación máis concreta permitiría planificar mellor os recursos.
A medida que se achega a data da festa, a expectativa medra. Ribadeo volverá vestirse de branco e sombreiros de palla, evocando tempos de transo atlántico e intercambio cultural. Só falta coñecer o guión día a día desta viaxe ao pasado.