Inaugurouse en Viveiro a mostra Galiza. Un pobo, unha selección
A mostra Galiza. Un pobo, unha selección, organizada por Vía Galega coa colaboración da Deputación de Lugo, continúa a súa itinerancia polas comarcas en Viveiro, onde poderá verse ata o 16 de maio. O deputado Efrén Castro inaugurou esta mañá a mostra, acompañado pola alcaldesa María Loureiro e polo tenente alcalde Suso Fernández nos Xardíns Poeta Noriega Varela.
A exposición repasa a historia do deporte galego, afondando na participación de deportistas do país nos Xogos Olímpicos, na traxectoria das seleccións galegas e na mobilización social arredor do dereito de Galiza a participar con equipos propios en competicións internacionais. Destaca así logros como a participación olímpica do viveirense Adrián Ben en Toquio 2020.
A mostra pode verse por primeira vez na comarca da Mariña, tras pasar nas últimas semans por outras localidades como Sarria, Monforte,Monterroso ou Vilalba.
CONTIDOS
“Galiza. Un pobo, unha selección” está estruturada en diferentes bloques temáticos. O primeiro deles, centrado no dereito a competir, repasa a loita a prol das seleccións deportivas galegas, o peso de Seareiros Galegos desde o seu nacemento nos 90 e a situación de Galiza no mundo deporte, sen representación, en contraposición co que sucede con outras nacións sen Estado que si compiten internacionalmente como Escocia ou Gales.
A selección galega de fútbol é a protagonista do segundo bloque temático, no que se repasa a súa traxectoria desde que disputara o primeiro partido, en 1922 en Vigo ata o día de hoxe, e no que se glosa os logros dos mellores equipos e xogadores do pais, desde o Balón de Ouro Luís Suárez ata Iago Aspas.
O fútbol gaélico tamén protagoniza un dos paneis expositivos, por ser o único deporte no que Galiza compite oficial e internacionalmente propia. Tamén contan con espazo na exposición outros deportes minoritarios nos que Galiza acumula éxitos como o squash, o boxeo, o taekwondo, a loita libre, o tiro con arco ou o xadrez.
A mostra inclúe ademais un panel que repasa o desempeño de deportistas de Galiza nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, desde os Xogos de Amberes en 1920.
A muller e a súa loita pola igualdade tamén contan co seu propio bloque temático, con lendas do pasado como Irene Basanta ou Xulia Vaquero e representantes do presente como Raquel Carrera, Belén Toimil, Ana Peleteiro ou Julia Benedetti.
O triatlón, os deportes acuáticos ou o ciclismo contan tamén con cadanseu bloque temático. Os deportes tradicionais tamén teñen o seu espazo con paneis nos que se bota luz sobre disciplinas propias de Galiza como a billarda, a chave, a loita galega ou os bolos celtas.