Inaugúrase a Feira do Mel do Valadouro cun obradoiro de extracción de mel na Casa da Cultura
O Valadouro inaugura este mércores o programa da 36 edición da Feira do Mel, que se celebrará ata o domingo, e que conta un ano máis coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Este ano un obradoiro de extracción de mel na Casa da Cultura, da man da Asociación Galega Apícola, dará inicio a unha ampla axenda de actividades formativas e lúdicas. A proposta, dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos, comezará ás 10.00 horas e estará aberto a todo o público.
Todas as propostas estarán vinculadas coa cultural do mel, aínda que o xornada grande será a do sábado coa feira, con postos de produtores de mel locais e doutros puntos de Galicia, e tamén doutros produtos de outono.
O deputado de Medio Rural Daniel García achegouse este martes ao Valadouro para continuar cos últimos preparativos da feira e, acompañado polo tenente alcalde Eduardo Chao, interesouse pola actividade dos distintos apicultores e apicultoras do Concello.
O responsable provincial valorou a importancia da feira do mel para “poñer en valor o produto e dinamizar o concello”. Ademais destacou a calidade deste produto “con producións premiadas en prestixiosos certames que son embaixadoras do Concello” e a relevancia da actividade vinculada ao mel “como actividade económica e de conservación do territorio e da paisaxe”.
A feira inclúe, por primeira vez, unha xornada micolóxica, que se desenvolverá o domingo e que poñerá en valor outros dos produtos estrela do outono.