Inauguran o XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos en Ribadeo
Comeza o XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos en Ribadeo que funciona como un Impulso ao Sector da Automoción en Galicia. O deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou na inauguración da cita, que terá lugar en Ribadeo ata o venres, 30 de agosto. O evento, organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) e apoiado pola Deputación de Lugo, reúne a 50 profesionais, estudantes e afeccionados do sector.
Durante a súa intervención, Francisco Cajoto subliñou a relevancia deste encontro, consolidado como unha cita indispensable para abordar a realidade da automoción en Galicia, un sector que representa aproximadamente o 16% do PIB galego e xera uns 24.800 empregos directos. Ademais, destacou que a facturación do sector acadou os 13.000 millóns de euros en 2023, e que as exportacións do mesmo supoñen máis do 30 % do total en Galicia, cun valor de 9.400 millóns de euros.
O deputado tamén eloxiou o traballo de APAGA na organización do Fórum, e reafirmou o compromiso da Deputación de Lugo con esta iniciativa, á que achega 3.000 euros. Cajoto destacou a importancia de seguir apoiando proxectos que fomenten o coñecemento e a formación no ámbito da automoción, esencial para o desenvolvemento económico de Galicia. "Un futuro que ten o sector, que continuamente demanda profesionais cada vez máis especializados, creo que desde logo é moi interesante para todos vos que aproveitedes estas xornadas,porque a calidade vese ano tras ano. Imos seguir colaborando con elas e desexo que estes días disfrutedes da zona”.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou a colaboración loxística e económica do Concello con este evento, co XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos. Animou aos asistentes a gozar da súa estadía en Ribadeo e a que se convertan en embaixadores deste concello “falando ben de Ribadeo nos vosos lugares de procedencia” e dando a coñecer as potencialidades turísticas do municipio.
O Fórum ofrece unha ampla variedade de actividades relacionadas co mundo do motor, proporcionando unha plataforma de intercambio de coñecementos e experiencias entre os asistentes, contribuíndo así ao fortalecemento dun sector crucial para a economía galega.