Inauguran o Salón dos Alcaldes no Pazo de Ibáñez, en Ribadeo
Inauguran o Salón dos Alcaldes no Pazo de Ibáñez, onde locen os retratos dos rexedores da democracia realizados por Concepción Millán. Xunto a eles atópase tamén un do alcalde honorario, Leopoldo Calvo-Sotelo, que foi cedido pola súa viúva, Pilar Ibáñez-Martín. No acto desenvolvido no Concello ribadense interviñeron Antonio Martínez, alcalde de Ribadeo entre os anos 1981 e 1983; o Marqués da Ría de Ribadeo, Leopoldo Calvo- Sotelo Ibáñez-Martín; e o actual rexedor, Dani Vega.
Martínez tivo palabras de lembranza para os compañeiros rexedores xa falecidos e lembrou a súa relación con Leopoldo Calvo-Sotelo, naquel momento presidente do Goberno de España. O Marqués da Ría de Ribadeo subliñou o amor e a paixón que o seu pai sentía por Ribadeo e pola súa ría, da que sempre estaba pendente cando se atopaba en Madrid. O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou que “no día de onte inaugurouse o salón dos alcaldes aquí no Concello. En primeiro lugar, hai que agradecerlle a Concepción Millán que entregara gratuitamente un retrato, un cadro, de cada alcalde”.
Querían “que eses cadros que xa fixeran a pasada lexislatura tiveran un sitio digno, un sitio onde todos os poidamos visitar e contemplar. Non é simplemente un salón onde se colga un cadro, senón que é un salón dedicado ao servizo público, á entrega, ao traballo e en consecuencia recoñecer todo ese traballo de tantos alcaldes que tivo Ribadeo”. O rexedor contou que “tamén incorporamos ao alcalde honorario a ese salón, a Leopoldo Calvo-Sotelo. Non foi un alcalde electo, foi un alcalde si por traballo, si por xestión, e por inversión no pobo de Ribadeo. Polo tanto, un agradecemento tamén á figura do presidente Calvo-Sotelo.
Recoñecemento, evidentemente, a unha entrega, a unha dedicación de todos os alcaldes”. Vega explicou que o Salón dos Alcaldes será “un espazo multifuncional, onde hai presentación de libros, conferencias, xornadas, distintas actividades que queremos ir facendo pouco a pouco”. Un concello “é unha administración pública, un lugar, un espazo público, pero témonos que converter nun espazo visitable como está ocorrendo nas vilas europeas, que cada institución, poño como exemplo o Concello, son visitables para moitas persoas nas visitas guiadas, nesas visitas que temos en Ribadeo e tamén para os centros educativos. Pouquiño a pouco vamos tamén investindo e arranxando a Casa do Concello, que é a casa de todos”. Familiares e amigos dos rexedores da democracia asistiron ao acto de inauguración deste Salón dos Alcaldes. Algúns deles como José Carlos Rodríguez Andina, Balbino Pérez Vacas ou Xaime Vidaurrázaga Urbieta estiveron presentes. A encargada de conducir a inauguración foi a concelleira de Atención Cidadá, Montse Seijo.