Inauguran en Viveiro unha mostra de pinturas de Camino Casabella

AMariñaXa
Camino Casabella describe a súa obra como unha homenaxe "a unha serie de mulleres ordinarias que fan cousas extraordinarias cada día"
heorinas-camino-casabella
6 sep 2024

A Biblioteca Pública Municipal de Viveiro acollerá a inauguración da exposición Heroínas De Tódolos Días, unha serie de pinturas da artista Camino Casabella, acompañadas por textos escritos tamén por ela. A mostra, organizada en colaboración co Concello de Viveiro, estará aberta ao público de forma gratuíta durante varios días. A exposición poderá visitarse o sábado 7 de setembro de 10.00 a 14.00 horas, o venres 13 de setembro de 16.30 a 20.30 horas, e o sábado 14 de setembro de 10.00 a 14.00 horas.

Camino Casabella describe a súa obra como unha homenaxe "a unha serie de mulleres ordinarias que fan cousas extraordinarias cada día". A artista sinala que decidiu poñer estas mulleres en primeiro plano porque "foron fundamentais no pasado e son clave para o presente e o futuro". Entre as figuras destacadas na exposición están mulleres como Sinéad O'Connor, Carola Rackete, Rosa Parks, Fernanda Arrojo e Vero Boquete, entre outras.

Casabella subliña que a resistencia destas mulleres fronte a actitudes represoras é "un exemplo de feminismo persistente e empoderado que chegou para quedar". O propósito da exposición é destacar as historias de vida e carreira destas mulleres, que loitan por contribuír á sociedade e superan grandes desafíos. "Son mulleres que abren camiños, rachando estereotipos de xénero e asumindo roles de liderado, axudando a outras a acadar as súas metas", conclúe a artista.

0.18898701667786