Inauguran a mostra ‘Conecta co Mar. O mar é vida’ en Cervo
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou na inauguración da exposición ‘Conecta co Mar. O mar é vida’ no marco da celebración do Día Mundial da Saúde Mental. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Saúde Mental da Mariña, en colaboración coa Consellería do Mar, a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Mariña-Ortegal, no marco da liña de axudas para a cooperación do sector pesqueiro co ámbito social.
Grazas a este proxecto, ademais da mostra, estanse a levar a cabo outras actividades vencelladas ao coñecemento e posta en valor do patrimonio cultural marítimo-pesqueiro e de sensibilización e coidado do medio mariño, co fin de favorecer o benestar psicolóxico e social das persoas con doenzas mentais. En definitiva, distintas actuacións que permiten
aos destinatarios achegarse de forma activa e consciente ao mundo do mar. A programación consta de varias iniciativas. Por un lado, baixo o título ‘Un mar de diversión. Integración e cultura’, se realizarán diversas actividades orientadas a desfrutar dun tempo de ocio activo e saudable que axude a eliminar pensamentos autolíticos e a sentirse produtivos.
Por outra banda, no marco de ‘Un mar de saúde’ realizaranse diferentes accións relacionadas co coidado do mar, a sensibilización medioambiental e o coidado da propia saúde. Por último, inclúe o proxecto ‘Un mar de coñecemento’, que ten como finalidade a obtención de información das Confrarías de Ribadeo, Burela e Celeiro e das redeiras de Burela, así como de aspectos de interese ao longo da historia relacionados co mundo mariño.