Inaugurado en Viveiro o novo mural de Dani Caxete dedicado á Semana Santa

AMariñaXa
A obra, situada nun punto simbólico do casco histórico, rende homenaxe ao Cristo da Agonía e engade un novo atractivo cultural á cidade
Mural-Viveiro-Dani-Caxete-inauguracion-novembro-2025
14 Nov 2025

Viveiro conta desde hoxe cun novo elemento artístico no seu casco histórico tras a inauguración oficial do mural creado polo artista local Dani Caxete, unha obra dedicada á Semana Santa vivairense, declarada de Interese Turístico Internacional.

O mural, que representa en gran formato o Cristo da Agonía, luce nunha fachada situada na intersección da avenida de Lourdes coa rúa Melitón Cortiñas, un espazo que marca un dos epicentros da Semana Santa local e que se atopa próximo á igrexa de Santa María e ao convento das Madres Concepcionistas.

Caxete explicou que traballar nun lugar tan cargado de simbolismo supuxo para el un reto especial: “Sempre é un orgullo amosar o meu traballo en Viveiro. Realizar unha obra no casco histórico é, dalgún modo, formar parte da súa historia, coa responsabilidade que isto implica”.

O artista recoñeceu que a temática relixiosa aumenta esa responsabilidade: “Representar algo tan cargado de paixón como a Semana Santa require o máximo respecto e agarimo. Sei que terá moita repercusión na vila e por iso trato de ser coidadoso en cada decisión”.

A liberdade inicial do encargo permitiulle escoller o motivo, e foi o propio pintor quen decidiu centrarse no rostro de Xesucristo. Porén, a similitude coa imaxe do Cristo da Agonía, obra de José Rivas, acabou orientando o proceso: “Nos primeiros bosquexos decateime de que a expresión lembraba inevitablemente á imaxe de Rivas. Decidín aproximarme máis a ela porque é un símbolo para Viveiro e para a súa Semana Santa”.

Caxete sinalou que o desafío consistiu en combinar fidelidade e identidade propia: “O obxectivo é plasmar esa semellanza coa obra de Rivas e, ao mesmo tempo, aportar algo de min na representación”. A súa intención, engadiu, non era reproducir de forma exacta unha imaxe icónica, senón equilibrar tradición e contemporaneidade: “Busco unha peza en diálogo co clásico, con algún detalle que poida considerarse innovador, se é que nestes tempos algo pode selo na pintura”.

Con esta intervención, Viveiro incorpora unha nova obra artística en plena zona histórica, reforzando a presenza da Semana Santa tamén no ámbito urbano e consolidando unha identidade cultural que continúa a medrar ano tras ano.

⚙ Configurar cookies
0.070985078811646