Inaugurada no Valadouro a mostra Unha nación, unha selección
Inaugurouse a exposición Unha nación, unha selección organizada pola plataforma social Vía Galega e que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación. A través da mesma perséguese o obxectivo de facer efectivo o dereito a formar seleccións galegas en todos os deportes para competir a todos os niveis, galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero.
A exposición consta de 30 paneis a xeito de testimonio fotográfico que abarcan desde as primeiras manifestacións deportivas en Galicia a comezos do século XX ata os nosos días, donde se recollen os éxitos deportivos das nosas deportistas a nivel internacional e olímpico. Percorreu xa os concellos de Viveiro, Foz, Ribadeo e Barreiros.
Asistiron á presentación o tenente alcalde Eduardo Chao, o concelleiro de Deportes Eliseo Teijeiro, o representante de Vía Galega Anxo Martínez, e representantes de clubes da localidade. A exposición pode visitarse a partir de hoxe na rúa Xosé Antonio Ferreiro González, a carón da piscina municipal, e durante dúas semanas.
PROPOSICIÓN NON DE LEI
Desde Vía Galega levan adiante tamén unha recollida de sinaturas para avalar unha Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular polo dereito de Galiza a poder competir oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas, porque Galiza é unha potencia deportiva que brilla con luz propia, sendo referente mundial en moitos deportes e conta con deportistas e medallistas olímpicos e olímpicas, campións e campioas europeas a nivel mundial.