Inaugurada a sala multiusos do centro de interpretación da Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz

Foz
AMariñaXa
Inaugurada a sala multiusos do centro de interpretación da Basílica de San Martiño de Mondoñedo. leva o nome do artista Juan Queralt Blanch,
INAUGURACIÓN SALA MULTIUSOS DO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DE SAN MARTIÑO (2)
2 Feb 2023

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e o concelleiro de Turismo, Jose María Linares, inauguraron a sala multiusos do centro de interpretación da Basílica de San Martiño de Mondoñedo que leva o nome do artista multisciplinar Juan Queralt Blanch, persoeiro moi recordado e querido na parroquia e moi vinculado a este lugar. Aquí pasou ós derradeiros 5 anos da súa vida, nos que dedicou a súa obra á imaxe de San Rosendo, bispo mindoniense no século X, cando a sede episcopal aínda estaba na parroquia focense.

Ademais de Fran Cajoto e Chema Linares, ao acto de hoxe asistiron Francisco Martínez García, que foi alcalde de Foz ata o 19 de abril de 1979, e a súa esposa. Tamén estiveron Suso de Breogán e Pablo Cid (Touche), que colaboraron nesta iniciativa.

O alcalde explica que “na sala atópanse seis lenzos de técnica mixta, da súa lamentablemente inacabada serie de oito, realizados entre o 2009 e o 2014, nos que se relata a vida e obra de Rudesindus, destacando os valores do bispo, representado como liberador de escravos. Nesta mesma sala traballaba sen descanso Juan Queralt para levar a cabo esta impoñente obra pictórico monumental que completaría o ciclo de San Rosendo co tríptico exposto en Celanova. A doenza non lle deixou rematar a planificación do total da súa obra pero deixou un grande impacto nesta sala, cos seis cadros de gran formato que aquí disfrutamos”.

E o concelleiro de Turismo indica: “co nomeamento desta sala Juan Queralt Blanch homenaxeámolo; e para que non se esqueza o seu legado inauguramos  un panel coa súa imaxe e información relevante, incluso os recortes dalgunhas das noticias que a prensa publicaba, nos que se fala da súa implicación social e a súa paixón na educación en valores e o seu interese en achegar ás xuventudes mariñáns a obra e vida de San Rosendo. Con este pequeno xesto agradecemos a Queralt a súa implicación e amor á nosa terra”.

Chema Linares engade que no local inaugurado hoxe “hai tres paneis nos que podemos ver algunhas das fotos máis antigas sobre a Basílica, por exemplo de 1920. Nun segundo panel reprodúcense fotos de cando o cemiterio parroquial de San Martiño ocupaba o espazo contiguo ao adro na fachada norte, e un grupo de obreiros desmantelando o vello cemiterio no ano 1976. Alí estaban Emilio López (Emilio das Areeiras), Manuel Rodríguez (Calvario), Gonzalo Rodríguez (Zalo), José Luis Irimia (Lilí), José María Pérez (cura párroco de San Martiño) e José Antonio Eijo. Podemos ver tamén a retirada do antigo retablo de madeira, a inauguración destes traballos o 11 de novembro de 1976 nunha misa ofrecida polo sacerdote José María Díaz Fernández, ao seu lado Miguel Ángel Araujo Iglesias (bispo de Mondoñedo-Ferrol) e Francisco Martínez García, alcalde de Foz, escoitando o pregón de Álvaro Cunqueiro; entre outras fotos, como a da Rondalla Latexos no acto. Outro panel recolle a apertura do sartego do Bispo Santo en 1975, co obxecto de extraer fragmentos de ósos para realizarlles a proba do Carbono 14. Estiveron presentes nese acto Amando Araújo Iglesias (irmán do Bispo Miguel Ángel Araújo Iglesias), José Luis Irimia (Lilí), Manuel Rodríguez (Calvario, de costas á imaxe), e o cóengo Santos Sancristóbal Sebastián (fundador do museo de Arte Sacro de Mondoñedo, que non aparece na foto)”.

Para rematar o edil de Turismo salienta que “con esta actuación, na que destacamos a colaboración de Xesús de Breogán, rematamos unha mellora e ampliación do contido do centro de interpretación iniciada hai un ano con paneis das capelas norte e sur, dos canecillos da fachada sur e das lendas de San Gonzalo. O propio centro aporta valor a unha xoia sobre o románico como é a Basílica, que cada dia é máis coñecida e recibe máis visitantes e que é necesario potenciar e conservar”.

O centro de interpretación de San Martiño pódese visitar nestes días de mércores a domingo en horario de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.00.

0.16202902793884