Inaugurada a nova sede de Bumei en Foz
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou na inauguración da nova sede que a entidade social Bumei Galicia pon en marcha en Foz. Durante o acto, destacou o compromiso da Xunta de Galicia de seguir colaborando e cofinanciando os proxectos desta organización, dedicada á inclusión social das persoas e colectivos máis vulnerables, con especial atención ás mulleres.
No último ano, a Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Inclusión Social, contribuíu cunha achega superior a 340.000 euros. Este apoio permitiu levar a cabo dous itinerarios de inclusión sociolaboral e diversas accións de formación adaptada, como cursos de competencias clave e alfabetización dixital, dirixidos a persoas en risco de exclusión social. Ademais, a entidade ofrece un programa complementario para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.
Arturo Parrado destacou que a nova oficina de Foz proporcionará unha atención integral e directa ás persoas e colectivos máis vulnerables tanto no municipio como na súa contorna. Entre as iniciativas que se desenvolverán destacan os itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral, que abranguen desde formación básica ata transición cara ao emprego, beneficiando a unha estimación de 300 persoas ao ano.
O director xeral tamén subliñou que os custos de alugueiro e persoal desta nova sede están cubertos pola Xunta de Galicia a través das axudas destinadas ás entidades de iniciativa social no ámbito da inclusión.