Inaugurada a antiga escola de Cedofeita, en Ribadeo

AMariñaXa
Coa actuación de Cándido Pazó foi inaugurada a antiga escola de Cedofeita no concello de Ribadeo tralas obras
ribadeo Foto Escola Cedofeita
20 Mar 2023

Coa actuación de Cándido Pazó foi inaugurada a antiga escola de Cedofeita. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, contou que “o edificio da antiga escola xa está en pé, froito dun convenio de colaboración entre a Área de Cultura da Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo. Desde agora forma parte da rede de locais municipais e é un espazo renovado que queremos que acolla  todos aqueles usos que a veciñanza  precise”.

O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “Cedofeita é unha das parroquias máis dinámicas de Ribadeo. Isto, que na vila se dá por feito, no rural é unha grande virtude pois, como todos sabemos, as aldeas e toda a cultura que lle é propia está a sufrir unha crise sen precedentes. Que o rural dispoña de servizos é a condición básica para que a poboación non marche. Falamos de camiños en bo estado, falamos de internet, falamos dunha sanidade e dunha educación públicas de calidade e próximas, falamos de sectores agrícolas e gandeiros con prezos dignos para os seus produtos…”

O rexedor lembrou que “o Concello impulsa actividades para que a xente teña unha ocasión de xuntarse semanalmente e de paso aprender. Esa era a idea de propostas como as de Aquí como de 20, por exemplo, e agora de As parroquias en marcha. E falamos tamén de eventos propiamente culturais”.

Otero Cabarcos sinalou que “a cultura é organizar actividades desde o Concello mais, tamén, e sobre todo, apoiar aquelas que nacen no propio seo da aldea. Un edificio en condicións facilita moito todas as iniciativas que xurdan. O ciclo Cultura nas Parroquias leva anos achegando diferentes actividades a teleclubes e antigas escolas do rural de Ribadeo”.

0.19959402084351