Inauguración da mostra fotográfica “Cervo na Memoria” nas Escolas Vellas de Cervo
O Concello de Cervo, Paco Piñeiro e a A.C. Airiños do Xunco, convidan a asistir o domingo, 7 de abril, ao acto de inauguración da mostra fotográfica Cervo na Memoria, ás 19:00 horas, nas Escolas Vellas de Cervo.
O acto foi presentado polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Muller e Igualdade, Pilar Armada, o presidente da A.C. Airiños do Xunco, Rafael Blas, e polo profesor Paco Piñeiro, autor da Crónica histórico-literaria da Parroquia de Santa María de Cervo, e quen custodia a colección fotográfica; a quen lle temos que agradecer enormemente desde o Concello -precisou Villares- “a súa implicación e dedicación absoluta en todo o que ten que ver co eido cultural en Cervo; un traballo impagable que comparte sempre xenerosamente con todos nós”.
Tal e como explicaron, o edificio centenario, cedido polo Concello á asociación Airiños do Xunco para desenvolver a súa actividade cultural, e recentemente rehabilitado de xeito integral, albergará preto de 200 instantáneas antigas da parroquia de Cervo, da historia das Escolas, en definitiva “da memoria colectiva de todo un pobo”.
No acto, que estará moderado polo profesor Fran Bouso, intervirán Rafael Blas, Paco Piñeiro, Alfonso Villares e Martín Fernández Vizoso, descendente da familia cervense emigrada a América que foi promotora das Escolas, cuxo avó foi o padrino do acto de inauguración do edificio aló polo ano 1917.
Os organizadores convidan a toda a veciñanza a participar neste acto que conecta pasado e presente, cuxo escenario é “un edificio singular que forma parte do noso patrimonio como pobo e que atesoura unha boa parte da nosa historia”.
As persoas asistentes ao acto tamén poderán ver o resultado da actuación de rehabilitación integral que se levou a cabo neste último ano nas Escolas Vellas, e que supuxo un investimento de 170.000 euros.
A obra consistiu na substitución da estrutura de cuberta, instalando novos canlóns e baixantes para evitar filtracións de auga; ademais instaláronse novas portas e ventás de PVC, fíxose o saneamento exterior e interior para evitar humidades, mellorouse o illamento térmico e acústico; incorporáronse dous baños, un deles adaptado (os servizos estaban no exterior do edificio); e tamén se actuou na parte externa do edificio para mellorar a accesibilidade, creando tamén unha zona axardinada.
Todo elo respectando a estrutura e os materiais orixinais do edificio, tal e como foi concibido no seu día.