Impulsan en Viveiro un programa de sensibilización coa linguaxe de signos

AMariñaXa
Impulsa unha campaña de concienciación cun contacontos en LSE e un curso online de formación en lingua de signos de 40 horas.
linguaxe signos viveiro
14 Abr 2021

O Concello de Viveiro impulsa unha campaña de concienciación sobre a lingua de signos, cun contacontos en LSE e un curso online de formación en lingua de signos de 40 horas.

Este proxecto dá continuidade ao convenio firmado a semana pasada polo goberno local coa Fundación La Caixa e CaixaBank para adquirir cinco mochilas vibratorias Subpac que garanten a accesibilidade da comunidade xorda á programación cultural municipal.

“A inclusión é unha das prioridades do noso grupo de goberno, polo que é un orgullo ver como este tipo de iniciativas se poñen en  marcha no noso municipio”, destaca a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Hoxe, martes 13 de abril, comeza o curso online de introdución á lingua de signos, impartido por Miriam Aller, intérprete de Entresignos, e que terá unha duración de 40 horas. A formación diríxese ao persoal dos centros educativos e doutras asociacións do municipio que estean en contacto tanto con alumnos como con persoas con diversidade funcional. O obxectivo do goberno local é que polo menos un representante de cada centro educativo de Viveiro poida gozar desta formación.

“O próximo ano queremos impartir un curso presencial máis longo, sempre e cando as condicións sanitarias o permitan e se os centros educativos así o solicitan”, explica Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro.

Doutra banda, este sábado 17 de abril, presentarase o contacontos “Di e os amorodos”, a cargo de Paula Gándara, intérprete de LSE. O conto incluirá unha parte narrada en lingua de signos.

A función será ás 12:00 na sala multiusos do Concello de Viveiro e diríxese a nenos e nenas a partir dos 5 anos. Debido ao contexto sanitario, as prazas para o contacontos serán limitadas, polo que cómpre reservar previamente a través de WhatsApp no teléfono 654 208 333.

“O contacontos permitirá que os máis pequenos tomen contacto con esta linguaxe, cumprindo co noso obxectivo de sensibilizar a todas as idades e lograr facer do noso concello un lugar máis accesible”, subliña a concelleira de Cultura.

A programación é parte do proxecto “Viveiro Inclúe”, unha iniciativa que terá continuidade no longo prazo e coa que o goberno local pretende que Viveiro sexa accesible para as persoas con diversidades funcionais, cognitivas ou psicolóxicas. Esta iniciativa conta coa participación da concellería de Benestar Social, dirixida por Victoria Baamonde.

programa sensibilizacion viveiro linguaxe signos
0.17426896095276