Impártese unha xornada de intervención en primeiros auxilios en Ribadeo
Este sábado 13 de abril, impartirase en Ribadeo unha xornada de intervención en primeiros auxilios para forzas e corpos de seguridade do Estado, organizada pola Asociación Española de Gardas Civís (AEGC) en Galicia. A estas xornadas asistirán axentes de Garda Civil e Corpo Nacional de Policía da provincia de Lugo e Asturias.
O delegado da AEGC en Galicia, Germán Ángel Vale Varela, explica que esta xornada “ten como misión reforzar e poñer en práctica coñecementos en Primeiros Auxilios RCP e manexo de DEA (desfibrilador), sangrados e uso de torniquete, dado que nunha inmensa maioría de servizos os axentes da Garda Civil e policías nacionais son os primeiros en chegar a este tipo de situación”.
Dentro do programa de formación da AEGC para este ano 2024 está esta xornada para realizar Ribadeo, impartida por formadores titulados en emerxencias sanitarias e persoal sanitario habilitado para as devanditas formacións específicas”. Germán Vale destaca: “temos en axenda realizar outro tipo de xornadas e formacións por toda Galicia, xa que están a ter moita acollida. Iniciamos esta en Ribadeo xa que desde o Concello facilítannos moito as cousas na cesión de espazos para realizalas”.
Desde a AEGC “xa fixemos chegar a diversas entidades políticas a necesidade de dotar ás patrullas dun DESA (desfibrilador externo semiautomático), como xa teñen algunhas unidades de policías locais en Galicia”.