Iago Rivas incorpórase ao grupo municipal do PP de Foz

O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz conta desde esta semana cun novo integrante na corporación. Iago Rivas Eiroa, veciño da parroquia de Vilaronte, toma posesión como concelleiro en substitución de Dolores Labrada, que renunciou á acta por motivos persoais.
Desde a formación popular valoran esta incorporación como “un impulso renovador” para o seu proxecto político. Con 33 anos, Rivas desenvolveu boa parte da súa traxectoria profesional no sector da hostalaría, ámbito no que acadou unha ampla experiencia. Ademais, participou en distintos certames e iniciativas nas que representou ao municipio, circunstancia que, segundo o PP, evidencia a súa implicación coa vida social e económica de Foz.
O grupo destaca que o novo edil achega “enerxía, compromiso e capacidade de traballo” nun momento clave do mandato. A entrada prodúcese cando se supera o ecuador da lexislatura, etapa na que os populares aseguran que manterán a súa liña de actuación baseada na defensa dos intereses da veciñanza, na fiscalización do executivo local e na presentación de propostas construtivas.
O PP lembra que o actual goberno municipal exerce en minoría e considera necesario intensificar o labor de control ante cuestións que, ao seu xuízo, preocupan especialmente á cidadanía, como a xestión do servizo de auga e a repercusión económica das dúas facturas que se están a aplicar nos fogares. A formación conclúe reafirmando o seu compromiso cunha xestión “máis eficiente e transparente”.