Humor, memoria e intriga criminal nunha nova coprodución teatral que se estreará en outubro


Burela converterase este outono no punto de partida dunha nova proposta escénica con forte pegada local. O salón de plenos do Concello acolleu a presentación de 'O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagge'r, unha coprodución de Tarabela Creativa e o Concello que se estreará o vindeiro 9 de outubro e que mestura humor, memoria e identidade.
A obra está dirixida por Avelino González e conta no elenco con Carmen Conde, Fran Lareu e Xosé Manuel Esperante. A peza nace dun proceso creativo moi persoal, xa que durante un ano Carmen Conde entrevistou ao seu pai, antigo membro da Policía Xudicial e especialista en dactiloscopia, para reconstruír a partir da súa memoria diferentes casos reais que acaban entrelazados nunha mesma trama criminal.
A nova produción non quedará reducida á función de estrea. O proxecto inclúe tamén unha programación cultural complementaria en Burela, coa intención de abrir o proceso creativo ao público e implicar á veciñanza. Así, na semana previa haberá ensaios abertos dirixidos a distintos colectivos, ademais de coloquios co equipo artístico.
A maiores, Carmen Conde impartirá un obradoiro centrado na dramaturxia, na narrativa e na narración oral, mentres que a compañía levará tamén á vila o espectáculo de narración oral para público adulto O que non estaba escrito. A proposta busca así ampliar a experiencia arredor da obra e converter a estrea nun pequeno foco cultural con actividade máis alá do escenario.
Desde a organización puxeron o acento no vencello da montaxe con Burela, non só polo seu protagonista e pola historia que inspira a peza, senón tamén polo papel da vila como parte da identidade do proxecto. A estrea do 9 de outubro marcará ademais o inicio do percorrido dunha produción chamada a levar o nome de Burela a outros escenarios.