Hugo Díez: "A paixón polo café levoume á vitoria no certame de Cata de Cafés"

Foz
AMariñaXa
O gañador do XIII Campionato Internacional de Cata de Cafés destaca a importancia da formación, a práctica e a curiosidade para perfeccionar a arte da cata
hugo-diez-cata-cafes-foz-2025
2 Mar 2025

Por Ana Somoza

Como se sente ao gañar este prestixioso certame?

Pois síntome moi emocionado e orgulloso. Foi unha experiencia incrible e non esperaba chegar tan lonxe, sobre todo porque competín con xente con moita experiencia. Gañar este certame dálleme máis confianza para seguir aprendendo e mellorando no mundo da cata de cafés.

Que o motivou a participar no certame de Cata de Cafés?

Gústame o mundo do café por iso decidinme a probar. Así que foi unha decisión persoal, pero o apoio da xente que me rodea foi fundamental.

Como foi a súa preparación para este certame?

A preparación foi intensa durante varios meses. Estiven probando diferentes tipos de café, identificando sabores e aromas. Tamén lin moito sobre técnicas de cata e sobre a influencia da orixe nos matices do café. En total, foron moitas horas de dedicación, pero pagou a pena.

Durante a competición, houbo algún momento no que sentiu que podía gañar?

Sinceramente, só quería facelo o mellor posible. Pero houbo un momento, que como non sabía como me saíra a cata brasileira que tiven dúbidas, pero despois pensei: Vale, pode que teña opcións.

Como xestionou os nervios durante o certame?

Os nervios estaban aí, pero intentei concentrarme no que sabía facer e bloquear todo o demais.

Que criterios utilizou para avaliar os diferentes cafés que tivo que catar?

Fixeime sobre todo na acidez, o corpo, o aroma e o gusto. A complexidade dos sabores tamén é importante, porque un bo café debe ter matices.

Como é a proba de cata?

A proba de cata de cafés consiste en avaliar distintas mostras de café para identificar as súas características sensoriais, como aroma, sabor, acidez e corpo. Os participantes deben demostrar a súa capacidade para distinguir e recoñecer os diferentes perfís de cada café a través de varias fases. Na identificación de sabores, preséntanse 10 cuncas de café, das cales 2 conteñen só auga, e o obxectivo é recoñecer os sabores que van desde o doce ata o amargo. Na proba de aromas, hai 10 mostras con diferentes cheiros e os participantes deben identificar correctamente cada un deles, o que require unha gran memoria olfactiva. A proba de triangulación presenta tres cuncas, das que dúas conteñen o mesmo café e unha é distinta, e o desafío é recoñecer cal é a diferente empregando o olfacto e o gusto. A cata brasileira inclúe cinco tipos de café distintos: arábica lavado, arábica natural, robusta natural, café de especialidade e arábica honey. Os participantes teñen 20 minutos para probar, ulir e identificar correctamente cada un destes cafés. Para destacar nunha proba coma esta, é fundamental adestrar o padal e a memoria olfactiva a través da práctica continua, probando diferentes cafés e aprendendo a distinguir os seus matices para mellorar a precisión na identificación de sabores e aromas.

Que diferencia hai entre os diferentes cafés da cata?

Por exemplo, o robusta natural distíngoo porque, unha vez moído, ten unha cor máis intensa e un aroma a terra húmida. O arábica lavado ten un sabor máis suave que o arábica natural, loxicamente porque está lavado e perde propiedades. O arábica natural é un pouco máis forte que o arábica lavado, pero máis suave que o robusta natural. O arábica honey é un café arábica, como o seu propio nome indica, cun proceso honey ou mel. E o café de especialidade, pois a verdade é que é moi, moi parecido ao arábica lavado.

Cal é o seu preferido?

Para min, o que máis me gusta dos tres ao probalo na cata brasileira é o arábica en xeral.

Agora que gañou este certame, como ve o seu futuro no mundo do café?

Pois primeiro quero seguir formándome pois aínda son moi novo. Gustaríame aprender máis porque cada paso no proceso do café inflúe no resultado final. Non sei se será o meu futuro profesional, pero si que quero seguir explorando este mundo.

Que consello daría a outras persoas que estean interesadas na cata de cafés?

Que participen e que non teñan medo de tentalo e que, se lles gusta, sigan co mundo dos cafés. O primeiro é ter curiosidade e probar moitos cafés diferentes, e despois que fai falla paciencia e práctica.

Para rematar, como cre que iniciativas como este certame de Cata de Cafés poden contribuír á promoción da cultura do café en Galicia?

Estes certames axudan a valorar máis o café de especialidade e a educar o padal da xente. Ademais, poden abrir portas para que máis persoas se interesen profesionalmente por este mundo.

0.18096613883972