Hostaleiros de Ribadeo "colgan" as chaves dos seus locais en protesta polas restricións

TerraChaXa | AMariñaXa
Hostaleiros de Ribadeo "colgan" as chaves dos seus locais en protesta polas restricións impostas por Feijoo tralo Nadal
14 Jan 2021

Hostaleiros de Ribadeo amosaron este mediodía o seu rexeitamento ás novas restricións decretadas pola Xunta de Galicia, que consideran “moi prexudiciais para o sector”. Fixérono acudindo á Casa do Concello, “onde colgamos simbolicamente as chaves dos nosos locais, para que Alberto Núñez Feijoo as recolla”, explican desde Acisa o seu presidente e o vicepresidente, Francisco Iriarte e Roberto Rivas. 

Desde Acisa sinalan que “co peche da hostalería ás seis da tarde a maioría dos negocios están condenados ao peche, co que iso suporá para os seus propietarios, os seus traballadores e as súas familias, aos que se unirán as empresas de distribución, os produtores locais, etc… levamos un ano desastroso, con normativas cambiantes cada pouco tempo, tentando adaptarnos en cada momento e agora impóñense novas restricións. Isto para moitos vai a ser a gota que colme o vaso”.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos critica “a criminalización que se está a realizar do noso sector e a falla de axudas directas. Todos son parches e solo con parches os negocios non se poden manter”. Desde Acisa demandan “maiores controis por parte das administracións para que todos os negocios, asociados e non asociados, cumpran coas normas sanitarias en vigor en cada momento e axudas reais”.

0.16116499900818