Homenaxearán á mindoniense Andrea López Chao cunha viaxe cultural

AMariñaXa
O itinerario inclúe visitas ás localidades de A Habana, Cienfuegos, Trinidad, Varadero e Pinar del Río
Homenaxe-150-anos-Andrea-Lopez-Chao
11 Out 2024

Presentouse na Sede da Cámara de Comercio de Lugo, entidade colaboradora da "Expedición a Cuba", o programa da viaxe que se celebrará do 8 ao 19 de novembro. A presentación realizouse de forma presencial e telemática, e nela detalláronse as principais actividades que terán lugar durante a estadía en Cuba. O itinerario inclúe visitas ás localidades de A Habana, Cienfuegos, Trinidad, Varadero e Pinar del Río.

Entre os actos máis destacados que se desenvolverán na capital cubana, A Habana, está a colocación dunha placa conmemorativa no Colexio "Concepción Arenal", onde Andrea foi directora. Tamén se visitará o antigo Centro Galego, o Balneario e o Hospital da Sociedade "Hijas de Galicia", institución que Andrea impulsou como vicepresidenta, e ao que se doarán medicamentos procedentes de Galicia. Ademais, está prevista unha ofrenda floral no Cementerio Colón, onde se atopan as tumbas de moitos galegos patrocinadas polas Sociedades de Beneficencia, incluído o mausoleo de Andrea.

Outros eventos incluirán xornadas de confraternidade coa Agrupación de Sociedades galego-cubanas e unha xornada cultural sobre a mestra e xornalista Mercedes Vieito, organizada pola Cátedra de Cultura Galega da Universidade de A Habana, que terá lugar no Palacio do Segundo Cabo. O grupo expedicionario está composto por unhas 40 persoas procedentes de Galicia, Asturias e Madrid, moitas delas pertencentes a asociacións xacobeas, incluíndo representantes da FEGAC (Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago) e do Concello de Mondoñedo.

0.18076992034912