Homenaxe poética a Leiras Pulpeiro en Mondoñedo

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello de Mondoñedo celebrou unha homenaxe poética ao escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro baixo o lema do seu verso ‘roseiras de rosas roxas’.
cartel19 probapandeir copia
25 Mar 2019

O Concello de Mondoñedo celebrou unha homenaxe poética ao escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro baixo o lema do seu verso ‘roseiras de rosas roxas’.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, puxo en valor a cultura como elemento dinamizador e manifestou que “desde o Concello de Mondoñedo seguimos a apostar polos proxectos culturais”. Deste xeito, Candia destacou que “hoxe déronse cita en Mondoñedo xente de toda Galicia convocadas por unha homenaxe a Leiras Pulpeiro, á poesía en lingua galega e a todos os que crean beleza coas palabras”.

A homenaxe foi ideada para arroupar un evento que constituirá a reunión de todos os poetas que gañaron este certame que se vén convocando desde o ano 2012 con motivo da divulgación da antoloxía que recolle todos os textos galardoados. Leva por título ‘Roseiras de rosas roxas. Premios de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro 2012-2018’ e foi editado por Belén Bouzas Gorgal e Armando Requeixo.

Coa publicación de ‘Roseiras de rosas roxas’ cúmprese un compromiso coa poesía e coa cultura galega. Trátase dun traballo fermoso na forma e no fondo e, máis que un libro, é un proxecto cultural.

O mellor da poesía galega do momento

O volume, que se entregoi como agasallo aos asistentes, reúne as convocatorias xa deliberadas do Premio Manuel Leiras Pulpeiro de Poesía, tres gañadores por ano. Unha vintena de poetas entre os que se atopa o mellor da poesía galega do momento, unha convivencia entre poetas xa recoñecidos e novos valores de estilos e temáticas complementarios.

O acto contou coa presenza Alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; cos editores do libro ‘Roseiras de rosas roxas’, Armando Requeixo e Belén Bouza; a Xefa Territorial de Cultura da Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez; e da maior parte dos poetas galardoados ao longo destes anos, Xosé Ramón Sánchez Varela, Ramón Sandoval, Carmen Pereiras, Alberte Momán, Martiño Maseda, Xosé Antonio Grela Martínez, Emilio Salgado Freire, Lorena Souto e Xurxo Alonso.

0.175626039505