Homenaxe á faba laurentina
A abundancia de chuvias, as características do solo e as técnicas tradicionais de cultivo conxúranse na Mariña lucense para producir unhas fabas de excepcional calidade que foron recoñecidas coa Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá.
Na promoción desta leguminosa, que no Val de Lourenzá se cultiva nas súas variedades locais, Faba Galaica e Faba do Marisco, e comercialízanse secas e separadas da súa vaina, enteiras e limpas, xoga un importante papel, desde 1990, a Festa da Faba, un grande encontro de produtores, compradores, tratantes e consumidores.
Esta festa naceu en 1990 froito dunha iniciativa do Concello de Lourenzá para promocionar o consumo da leguminosa e incrementar o seu prezo. Dende aquela primeira edición, que consistiu na celebración dun concurso de fabas,aumentáronse paulatinamente as actividades organizadas.
Actualmente este acontecemento reune no Concello a primeira fin de semana de outubro a produtores, compradores, tratantes e consumidores da Faba de Lourenzá; un legume que xa se exporta na actualidade a mercados como os de Madrid ou Barcelona.
Na Festa da Faba, que cada ano atrae a milleiros de persoas, combínanse a exaltación gastronómica e a celebración de eventos lúdicos e culturais. Así, as exposicións, o baile, a música ou o teatro contan xa cun espazo de seu no programa de actos.
Inicialmente a Festa, declarada de Interese Turístico Galego pola Xunta de Galicia no ano 2000, celebrábase integramente o primeiro domingo de outubro. Dende o ano 2003 esténdese ao longo de toda a fin de semana cun notable incremento das actividades propostas.
Os fabeiros sitúan as súas casetas rústicas, de madeira e lona ao ar libre nos arredores do mosteiro de San Salvador, e os artesáns e distintas entidades ocupan a zona do claustro cos seus expositores.
As degustacións gastronómicas son só unha parte do programa da festa, que se nutre de eventos lúdicos e culturais, entre os que cobrou especial relevancia o Concurso de Fotografía, e conta con atraccións destinadas ao público infantil.
O principal obxectivo da celebración é promover a Faba de Lourenzá como un produto de calidade con proxección de futuro. A celebración pretende, asemade, apoiar aos colectivos de fabeiros, hostaleiros e comerciantes, imprescindibles no desenvolvemento económico deste legume.
Noutra orde de cousas, salienta a potenciación da Faba de Lourenzá como un produto delicatessen dentro da nosa gastronomía. Por último, preténdese dar a coñecer os bens patrimoniais e culturais do val de Lourenzá, unha zona que desenvolve a súa actividade arredor do cultivo e a comercialización da faba.
CANDO A NATUREZA É ARTE. A arte e a faba están intimamente vencelladas dende hai anos. Na novena edición da Festa da Faba, en 1999, adoptouse o lema Cando a natureza é arte para reflectir esta relación.
Xa se celebraba daquela o Concurso Fotográfico da Festa da Faba. Un certame que premiaba as mellores instantáneas sobre un tema, distinto cada ano, que é fixado pola organización.
A LENDA DAS ARTES. Indo máis aló, na XI edición nacía A lenda das artes. Dende o 2001 poríase en valor o cartel promocional da Festa, que a partir dese momento pasou a ser deseñado por recoñecidos artistas vencellados coa comarca de Lourenzá.
Así, unha técnica diferente plasma cada ano a relación existente entre a arte e a natureza que agroma na bisbarra. A fotografía foi a técnica elixida para que botara a andar a iniciativa. Así, o cartel de 2001 baseouse na instantánea premiada no Concurso Fotográfico. O collage e o gravado protagonizaron o cartel das edicións vindeiras.
Paralelamente, e como reforzo desta dimensión arística, pode visitarse no Concello unha exposición dos traballos realizados polo artista encargado de confeccionar o cartel.
CONCURSO FOTOGRÁFICO. Un expoñente máis desta relación é o concurso fotográfico que está a acadar unha gran relevancia dentro dos circuítos nacionais. Arredor de 120 obras concorren ao certame, que en cada edición trata dunha temática diferente proposta pola organización.
Dentro destes temas acoutados existen dúas categorías diferenciadas. A primeira delas contempla traballos relacionados directamente coa comarca, mentres que na segunda compiten instantáneas cinguidas unicamente ao tema establecido.
Durante o transcurso da Festa, así como nos quince días posteriores á mesma, poden contemplarse no Claustro do Mosteiro de San Salvador as obras presentadas ao certame.