Hijos de Ramón Rubal: “O mercado necesita constantemente un consumo moi alto e regular de madeira de pino”
Por Ana Somoza López.
A empresa alfocega conta con 85 anos de historia e consolidada na explotación e xestión forestal.
A empresa madeireira Hijos de Ramón Rubal atópase na parroquia de Mor, e conta cun serradoiro de 85 anos de historia. Ademais encargarase da curta da madeira no monte, o transporte, a primeira transformación e o envío do produto final.
Agora mesmo contan cunha nova liña de produción?
Si, esta liña chámase Canter e consiste nunha nova máquina que serve para serrar troncos de madeira de diámetro de entre 14 e 35 centímetros. É como se fora outro serradoiro para madeira delgada.
Que vantaxes ten?
As vantaxes que ten esta liña é que o tronco entra é xa sae acabado nun só proceso pois non ten que retornar a outras maquinas posteriores, por exemplo, o ‘costero’, que é o primeiro que sae do tronco ao serralo e que non é aproveitable xa o convirte en estela, e fai táboa e fai todo. Ademais é bastante rápida pois é capaz de traballar 6 pezas ao minuto. Gracias a esta nova liña contamos cun aumento de produción de case o dobre.
Como funciona?
A máquina conta cun escáner que mide e dimensiona o tronco e infórmate dos cortes e das pezas que sairán. É unha maneira de optimizar procesos e ademais só conta cun operario.
A que se dedica esta madeira?
Este produto está adicado a madeira para embalaxe e que está destinada a mercado nacional e internacional. Nos sempre nos dedicamos ao embalaxe e á paletización, incluso en épocas de crise, pois é un mercado que sempre funciona. Por iso toda a vida apostamos por elo e puidemos manternos.
É a única liña deste tipo en Galicia?
Xunto coa de Finsa somos unha das primeira liñas de Galicia.
Como está o sector madeireiro?
Agora mesmo baixou o pedido de táboa polo que baixaron os prezos por unha pequena crise ou freo da demanda, pero non sabemos debido a que. Cremos que estaba un pouco descontrolada a situación pois había máis pedidos do normal. Pero tamén hai que dicir que o mercado necesita constantemente un consumo moi alto e regular de madeira de pino, pois cada vez é máis necesaria en táboa, para pellets, en fábricas de taboleiros, no sector do transporte utilízase para embalaxes e na paletización.
Agora mesmo a construción de edificios de madeira está moi de moda...
Si a verdade. Das nosas instalacións saíron os elementos necesarios para o primeiro edificio público de Galicia construído totalmente en madeira, o Impulso Verde de Lugo, e tamén estamos enviando produto para a construción dun hotel na mesma cidade. Ademais, seguimos enviando madeira para entramado lixeiro con certificado CE, e xa mandamos a diferentes promotoras para a fabricación.
A xente confía cada vez máis neste material.
Claro, cada vez hai máis demanda deste tipo de casas pois son máis lixeiras, menos custosas, non fai falla tanto formigón, son respectuosas co medio ambiente, máis illadas termicamente, etc. A xente estase concienciando moito e hai que cambiar os costumes construtivos. Tan só hai que botar unha ollada aos países nórdicos, alí neva e fai moito frío e as casas son de madeira e algunhas sen calefacción, tan só cunha cheminea.