Os granulados chegan ás praias da Mariña lucense pero en pouca cantidade
Sobre mediados do mes de decembro de 2023 comezaron a atoparse grandes cantidades de granulados de plástico dispersos nas rías baixas, especialmente na ría de Muros e Noia, e xa co comezo do ano 2024 chegaron ata a Mariña lucense, costa asturiana e cántabra.
Estes sacos proviñan da vertedura ao mar de varios contedores á altura de Viana do Castelo, Portugal, por parte do barco Toconao, que ao ser transportados nos contedores superiores dos barcos, cos forte golpes do mar, caeron fora. Un dos contedores perdidos portaba un total de 1.050 sacos de granulados, de 25 quilos cada uno.
Os sacos, que levan o nome da empresa Bedeko Europe con sede en Polonia, contiñan granulados de plástico ou tamén chamados "nurdles", unhas bolas brancas de 5 mm fabricadas en polipropileno ou polietileno e que levaban escrito no saco "estabilizadores de luz UV".
A problemática destas bolas é que poden ser inxeridas pola fauna mariña xa que polo seu aspecto pódense confundir con ovos, e tamén poden se filtradas por mexillóns e algas.
O seu pequeno tamaño dificulta enormemente a súa limpeza, polo que se teme que isto derive "nunha marea branca de consecuencias tráxicas para o medio ambiente e que afecta directamente as comunidades costeiras que viven da pesca, o marisqueo e o turismo, sen esquecer todos os danos indirectos que xera esta contaminación nun ecosistema que produce a metade do osíxeno do mundo", din desde algún colectivo da franxa costeira nordeste galega .
Segundo datos oficiais, 160.000 toneladas destes granulados plásticos pérdense cada ano no mar ao ser transportados nos contedores superiores dos barcos. Esta cantidade é o equivalente a case todo o plástico reciclado por Dinamarca e Suecia cada ano. En Galicia, a asociación Noia Limpa xa retirou das praias 1,7 toneladas de granulados da súa costa.
Desde NoiaLimpa, Ecoloxistas en Acción. Plademar, Asociación Redes de Sal, Festival Mar de Mares, e Surfrider España din que "debido á súa alta toxicidade, é crucial que sexan considerados un produto perigoso e viaxen nas partes máis seguras do cargueiro". Ademais, "ata o de agora, as empresas de cadea de valor do plástico non teñen ningunha normativa para seguir en caso da perda dos granulados e tampouco están obrigadas a facerse cargo dos danos, polo que se fai máis urxente a nova regulación".
MARIÑA LUCENSE
Segundo o colectivo A Mariña sen plásticos, "ás nosas praias chegaron moi pouquiños deses granulados plásticos en comparación con outras ocasións nas que ten habido moitos e, sen embargo, non se ten reportado ningún vertido"
De feito, en agosto chegaron dous sacos de granulados á praia urbana de Burela dun vertido anterior "do que nada máis se soubo", din, "con isto queremos dicir que o vertido actual é só a punta do iceberg. Por desgraza hai vertidos de granulados continuamente e dende fai moitos anos, a súa presenza é constante nas nosas praias e levámolos vendo xa dende os anos 90. Oxalá isto que está ocorrendo sirva para tomarse máis en serio este problema. Que cambie a normativa e se tomen medidas para evitar estas situacións", engaden.
Posiblemente os granulados acaben chegando á Mariña, non sabemos cando nin como. "Igual non chegan a facerse acumulacións como ocorre na parte da Coruña ou quizais si. O mar é caprichoso e haberá que ir vendo".
Segundo a Confraría de Celeiro din que eles "non teñen constancia algunha de que chegasen as nosas praias, polo que de momento temos tranquilidade". No relativo á frota tampouco dixo nada ao respecto polo tanto tamén estamos tranquilos por esa parte".
"Quizais isto estase magnificando demasiado e se lle está a dar unha tinguidura política, pero tamén dicimos que era mellor que non houbese pasado nada", engaden.
Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, sinala que "cando hai unha contaminación hai que tentar eliminala e nesta ocasión é complicado polo seu pequeno tamaño".
Pero outro dos puntos preocupantes xa non é nas praias, senón que o problema atópase nas rochas, "pois ninguén vai limpalas", ao igual que co resto dos refugallos plásticos que se atopan habitualmente, "os voluntarios que limpan as praias, e que estamos moi agradecidos con eles, tiñan que recoller tamén o resto dos residuos que atopan e non so centrarse nos granulados plásticos", engade.
Con este problema o que se está a ver é que hai que "concienciar a todo o mundo de que debemos ser responsables cos plásticos, e aínda que estea no chan e non sexa noso hai que recollelo".
"Baixou o prezo do peixe, fraco favor fan os políticos aos que viven do mar, pois están metendo medo á xente. Pero non se dan conta de que ti cando limpas o peixe, sácaslle as tripas e aí xa se verían os granulados", remata dicindo Otero.