Gran éxito das actividades de iniciación ao surf organizadas Club de Surf de Burela e o Concello

AMariñaXa
O 100% das persoas participantes valoraron positivamente a experiencia e solicitaron máis actividades de surf durante o ano
iniciacion-surf-burela
Clases de iniciación ao Surf en Burela
20 Apr 2025

O Club de Surf de Burela, en colaboración co proxecto Ondas Limpas, promovido polo Concello de Burela e financiado polo GALP, organizou unha actividade de iniciación ao surf na praia da Marosa este xoves e venres. Esta acción forma parte dunha serie de iniciativas encamiñadas a achegar a práctica deportiva do surf á poboación local, especialmente á mocidade.

O evento desenvolveuse nunha xornada de práctica dirixida a persoas sen experiencia previa, co obxectivo de facilitar o primeiro contacto co deporte e co medio mariño. Participaron un total de 55 persoas, das cales a maioría foron nenos, nenas e adolescentes, aínda que tamén tomaron parte pais e nais interesados en compartir a actividade cos seus fillos e fillas.

Ao finalizar a actividade, recolleuse información a través dun cuestionario no que 100% das persoas enquisadas indicaron que a experiencia foi satisfactoria e expresaron interese en participar noutras actividades similares no futuro. Entre as propostas recollidas destacaron a realización regular de clases de surf durante todo o ano, así como a organización de campamentos específicos para os meses de verán.

As persoas adultas participantes manifestaron tamén que contar con clases de surf en Burela durante o verán sería unha opción máis accesible para as familias, xa que actualmente algunhas teñen que desprazarse a outras praias da contorna, como Esteiro, para acceder a este tipo de servizos.

Durante o transcurso da actividade, varias persoas que paseaban pola praia da Marosa achegáronse ao grupo para solicitar información sobre o funcionamento do club, as opcións de inscrición, e se se ofrece a posibilidade de préstamo ou alugueiro de material.
O Club de Surf de Burela está a analizar todas estas achegas co obxectivo de avaliar a demanda existente e planificar novas accións de promoción do surf na vila.

⚙ Configurar cookies
0.12465786933899