Gran apoio veciñal á recollida de sinaturas polo Conservatorio de Viveiro

AMariñaXa
O movemento continúa activo, á espera dunha resposta por parte da administración autonómica
conservatorio-musica-viveiro
30 Jan 2025

A iniciativa promovida polo Conservatorio Profesional de Música de Viveiro para reclamar que a Xunta de Galicia asuma os seus gastos segue sumando apoios conseguiu 6.676 apoios de veciños e veciñas do municipio.

Dende finais de novembro, a recollida de sinaturas evidenciou a preocupación da cidadanía polo futuro do centro. O movemento continúa activo, á espera dunha resposta por parte da administración autonómica.

O Conservatorio de Viveiro é o máis grande dos 23 conservatorios municipais de Galicia e conta con 240 alumnos, o que o converte no centro con máis estudantes dentro da súa categoría, superando incluso a municipios de maior poboación.

Dende a organización da campaña subliñan que a súa reivindicación é lexítima e xusta: “Non pedimos nada máis que a Xunta asuma as súas competencias, xa que se trata dun ensino regrado e de ámbito autonómico. Non ten sentido que o Concello teña que cubrir todos os gastos”.

Pola súa parte, o concelleiro responsable do Conservatorio, Jesús Fernández, destacou a importancia desta mobilización cidadá: “A recollida de sinaturas demostra o moito que os veciños valoran este centro, que realiza un excelente traballo educativo”. Ademais, quixo agradecer o apoio e implicación da asociación de adultos e das ANPA, fundamentais para a difusión da iniciativa.

 

0.16835689544678