González Formoso pecha a súa campaña chamando á paticipación nas Primarias

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O candidato está convencido de que “se sumamos entre todos e todas seremos capaces de sumar cara o futuro goberno de Galicia”.
valentin fin campana primarias psoe
30 Out 2021

Valentín González Formoso pechou en Santiago de Compostela a súa campaña para as Primarias á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, que se celebra este sábado 30 de outubro. Na capital de Galicia o candidato, que foi presentado polo alcalde santiagués Xosé Antonio Sánchez Bugallo, fixo un chamamento á “participación masiva” apelando á “esperanza dun cambio socialista na Xunta”.

“Hoxe é un día moi especial para o socialismo, o de escoitar a voz da militancia” explicou González Formoso, que lembrou que “é algo que nos diferencia dos outros partidos políticos, que non teñen un día tan importante onde o principio democrático pode ser expresado con rotundidade”. “A militancia ten mañá que tomar unha decisión importante: escoller entre conformismo ou ilusión, entre resignación ou esperanza. Nestas Primarias votaremos a esperanza dun cambio socialista na Xunta”, afirmou.

Formoso está convencido de que “se sumamos entre todos os compañeiros e compañeiras seremos capaces de sumar de cara ao futuro goberno da Xunta de Galicia, seremos capaces de ser dignos da confianza de pobo galego e de que nos vexan como unha opción que volva a ser o vehículo social da súa ilusión, como o PSdeG foi capaz de facer noutras etapas e como o Partido Socialista está a facer co goberno de Pedro Sánchez”.

O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE instou á militancia socialista a que se exprese mañá en cada unha das agrupacións socialistas de Galicia con “total normalidade e liberdade, elixindo o mellor para o PSdeG e para Galicia. Temos que desfrutar do proceso de Primarias, algo que só se pode facer afiliándose ao Partido Socialista”.

Compromisos claros

Valentín González Formoso reiterou en Santiago dous compromisos claros que levará a cabo se é escollido como máximo responsable dos socialistas galegos. O primeiro é “que non volverá haber Primarias a medida da dirección do Partido e que os procesos de elección internos faranse de forma transparente e con tempo suficiente”. Como segundo compromiso Formoso afirmou que baixo o seu mandato “nunca haberá resignación no partido, non asumiremos que Galicia é do PP e traballaremos para devolver ao PSdeG ao lugar que se merece, que é estar ao fronte do goberno de Galicia”.

“Somos un gran partido, con 142 anos de historia, o noso lugar non é ser terceira forza política en Galicia, é ser a alternativa real ao goberno de Feijoo”, subliñou González Formoso, que tamén anunciou que contará “con todos e todas para poñer o mellor do PSOE a disposición da sociedade galega, recuperando a conexión que durante estes anos perdemos coa sociedade”.

O candidato opta por un modelo de PSdeG que “saiba escoitar, que estea ao carón da xente e que volva a ter criterio nos asuntos de país” e explicou que é imprescindible “activar as bases que temos en cada pobo, que son os que manteñen viva esa chama do socialismo nos pobos e cidades, onde ás veces é máis complicado, os que fan a política máis próxima ao cidadán, os que lles poñen cara”.” “Queremos contar con todos eles”, salientou.

0.19869089126587