'Gloria Nacional' chega a Burela cunha reflexión sobre arte, poder e identidade

A Casa da Cultura de Burela acollerá o venres 4 de abril, ás 21:00 horas, a representación de Gloria Nacional, unha peza escrita e dirixida por Eduardo Alonso e levada á escena por Teatro Noroeste. Con interpretacións de Luma Gómez, Manuela Varela e Miguel Pernas, a obra combina humor e crítica social para explorar a relación entre arte, política e identidade.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez Pardo, destacou a importancia de programar espectáculos que non só entreteñan, senón que tamén xeren debate: “Esta é unha proposta que fai pensar sobre o papel da arte na sociedade, cun texto intelixente e un elenco de primeiro nivel”.
A historia segue os pasos de Uxío Rodas, un recoñecido escultor e pintor cuxa obra está presente nos máis prestixiosos museos internacionais. Con todo, Rodas atópase afastado da vida pública, inmerso nunha crise creativa mentres traballa nun ambicioso encargo do goberno: unha escultura que simbolice a nación. A inesperada visita do seu representante e da ministra de Cultura provocará un intenso debate sobre as presións que sofren os artistas, o papel da arte como ferramenta política e a súa mercantilización.
A representación de Gloria Nacional en Burela ofrece unha oportunidade única para desfrutar dunha obra que invita á reflexión sen renunciar á sátira e ao humor. As entradas terán un prezo de 5 euros e estarán dispoñibles na Casa da Cultura.
