Ginebras súmase ao cartel do Osa do Mar 2026

O festival Osa do Mar regresará a Burela os días 4, 5 e 6 de setembro de 2026 cunha nova edición que xa comeza a coller forma tras facerse públicas as primeiras confirmacións do seu cartel. A cita musical, consolidada no calendario cultural galego, mantén a súa aposta por unha programación variada e con identidade propia, pensada para atraer a públicos moi diferentes.
Entre as novidades máis destacadas atópase a confirmación de Ginebras, unha banda moi agardada pola organización, que chegará ao festival con novo disco, enerxía renovada e un directo que promete converter o escenario Vibra Mahou da Praza do Concello nun auténtico espectáculo.
O cartel inicial inclúe tamén a presenza de Depedro, un dos artistas máis recoñecidos do panorama estatal, xunto a proxectos como West SRK e XMaseda65, que achegan variedade estilística á programación. A esta primeira tanda súmanse Éxtasis, unha formación emerxente que destaca polo seu carácter fresco, e Juventude, definidos pola organización como unha das propostas máis enérxicas do momento.
Tamén formarán parte desta edición La Milagrosa, cunha posta en escena directa e sen concesións, e Gara Durán, artista multidisciplinar que achegará unha proposta persoal e chea de identidade. A lista complétase con Sobrezero, sinalados como unha das bandas revelación do ano, así como con Señora DJ, encargada de pechar unha das noites, e o dúo Rata, que promete transformar o recinto nunha auténtica pista de baile.
Xunto ás confirmacións musicais, o festival deu a coñecer a súa nova imaxe gráfica para 2026, deseñada un ano máis polo artista Héctor Manasé, reforzando a conexión entre música, arte e territorio que define o evento.
Desde a organización avanzan que este é só o comezo dun cartel que continuará medrando nas vindeiras semanas, co obxectivo de consolidar a Burela como un dos puntos de referencia musical do inicio do outono, nun ambiente próximo e singular que caracteriza ao Osa do Mar.