Gastronomía, música e pregón da man de Pilar Cagiao no Ribadeo Indiano
A historiadora da USC Pilar Cagiao será a pregoeira do IX Ribadeo Indiano. As actividades previas á cita arrincarán xa o vindeiro 15 de xuño. “Están programadas diferentes visitas guiadas, obradoiros de repostería para o sector hostaleiro e para as familias así como diversas obras teatrais”, explica a concelleira de Turismo, Marta Saiz.
O evento será promocionado este venres 31 de maio en Santiago e o 7 de xuño en Oviedo. “Desde a organización ao longo dos vindeiros días poñerémonos en contacto co sector hostaleiro para coñecer a oferta gastronómica que teñen previsto ofrecer”. Ademais, na sede electrónica do Concello están colgadas as bases para participar no Mercado de Ultramar, que se desenvolverá na rúa San Roque o sábado 13 de xullo.
O prazo de inscrición está aberto ata o día 12 de xuño. Esta convocatoria leva como título “Alma de dous mundos” e será a historiadora da USC, experta na emigración, Pilar Cagiao, a que pregoe este evento cultural. No pregón actuará o coro Sagrado Corazón interpretando músicas destes dous mundos e, seguindo a liña debuxada pola profesora Cagiao, estarán as conferencias desta edición dedicadas á gastronomía e as cartas de ida e volta entre outros temas.
A edil ribadense contou que “o sector servizos do noso concello é moi bo, pero imos tentar axudarlles un pouco ás persoas que non atopen onde comer nesa finde. Unha das novidades desta edición será un servizo de catering que servirá menús indianos”. Estará situado no Centro sociocomunitario, a carón do Concello.
A música será parte importante do Indiano, coma sempre, con concertos todos os días. “O máis esperado é o do domingo que chega de Alén Mar, na voz do dominicano Vicente García, gañador de 3 Latin Grammy no 2017, 2 no 2019 e outro no 2023”. Pola súa parte, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, asegurou que “milleiros de persoas vanse achegar do 12 ao 14 de xullo para gozar do noveno Ribadeo Indiano. A ocupación hoteleira é xa moi alta nestes momentos ao igual que as reservas para xantar e cear eses días na nosa vila. As persoas que aínda non teñan sitio para durmir ou para comer esas xornadas en Ribadeo, que non se demoren”.
Porque como en cada convocatoria a cita “enche todos os aloxamentos deste concello, pero tamén os dos municipios próximos tanto da Mariña como do Occidente asturiano”. No acto de presentación do IX Ribadeo Indiano participaron o alcalde, Dani Vega, as concelleiras de Turismo e Cultura, Marta Saiz e Begoña Sanjurjo, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou no Pazo de San Roque na presentación da IX Edición da Festa Indiana de Ribadeo, onde destacou a importancia cultural desta cita que se celebrará días 12, 13 e 14 de xullo.
Na presentación, o representante da Xunta de Galicia subliñou a relevancia desta festividade para poñer en valor o que supuxo a emigración para a constitución da identidade cultural de Galicia. Así mesmo explicou que O Ribadeo Indiano contará cun amplo abano de actividades que inclúe obradoiros, conferencias, representacións teatrais e actuacións musicais, entre outros.