Galicia traballa en diferentes vías de obtención de mexilla
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, informou na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia sobre as vías nas que está a traballar o Goberno galego para avanzar na obtención de semente de mexillón nos bancos naturais, nas cordas colectoras e nas hatcheries (criadeiros) e insistiu na vontade de diálogo da Xunta de cara a flexibilizar as zonas de extracción deste recurso en base aos criterios técnicos.
En canto aos bancos naturais, destacou que se traballará coa experiencia dos biólogos e que se empregarán drons para afondar na situación da mexilla. Coas accións que se están a adecuar para as cordas colectoras, a Xunta busca mellorar a disposición de semente nos períodos de maior eficacia. En relación cos proxectos vencellados coa cría de semente, o director xeral sinalou que o obxectivo é que permitan redimensionar os criadeiros.
A este labor súmase vontade de diálogo e de flexibilizar a regulación da extracción de mexilla que a Xunta mantén desde o primeiro momento. Nesta liña, o director xeral expuxo que estas son as premisas dos 25 contactos que o Executivo galego mantivo desde decembro de 2021 con bateeiros, entidades e federacións de confrarías para abordar a situación da extracción de semente de mexillón.
A última xuntanza co sector bateeiro tivo lugar en outubro e nela analizáronse posibilidades relacionadas coa reforma da normativa. Ademais o Goberno galego convocarao proximamente para seguir afondando nesta cuestión.
Entre as propostas formuladas a este sector ao longo deste tempo e que poden ser sometidas a análise e acordo, Antonio Basanta destacou a de manter aberta a extracción de semente de mexillón todo o ano, podendo pechar por zonas ou tempos, ou a dixitalización e simplificación da necesaria trazabilidade da mexilla extraída.
En relación coas zonas limitadas á extracción de mexilla tanto para bateeiros como para percebeiros, o director xeral insistiu na importancia do diálogo e na vontade do Executivo galego de revisalas e axustalas en base a un seguimento coordinado cos biólogos e outros técnicos da Consellería e cos datos aportados polas partes. Un labor, subliñou, que leva tempo e que está sometido á modificación da orde, pero que se poderán coñecer nestes días.
Nesta liña, lembrou que se traballa atendendo, entre outros aspectos, á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que di que os plans de xestión do percebe son o marco no que se deben valorar as medidas para protexer este crustáceo cando coexiste coa mexilla.
Ademais, Antonio Basanta fixo fincapé na importancia de traballar mirando ao futuro para superar as desavinzas que poidan xurdir e que esa é a liña na que tamén están tanto os bateeiros como os percebeiros, segundo comprobou a Consellería do Mar nos distintos contactos con ambas partes.
Apoios á cadea mar-industria
En resposta a outra pregunta sobre os apoios para paliar os efectos da guerra de Ucraína, o director xeral lembrou que as contas da Consellería do Mar para 2023 inclúen preto de 15 millóns de euros en axudas extraordinarias para o sector co obxectivo de facer fronte ás consecuencias económicas derivadas do conflito.
Segundo explicou, a previsión é convocar estes apoios no primeiro trimestre do vindeiro ano para que cheguen canto antes á frota -incluída a artesanal-, a acuicultura e á cadea de transformación. Esta última industria, subliñou Antonio Basanta, “quedou fóra das achegas habilitadas polo Estado”.
Ademais desta liña extraordinaria, o representante autonómico fixo referencia á batería de bonificacións, exencións e conxelacións de taxas portuarias que recolle a próxima Lei de Medidas que acompaña os orzamentos da Xunta. Unhas bonificacións que supoñen arredor de 1,5 millóns de euros de aforro para o sector e que nalgúns casos terán carácter retroactivo, explicou.
En canto a industria de transformación de produtos do mar e en resposta a outra pregunta relacionada con ela, Antonio Basanta tamén puxo de relevo o apoio do Goberno galego á innovación e mellora da competitividade deste sector. Nesta liña, lembrou que na convocatoria de achegas deste ano aprobáronse 47 proxectos de pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura por importe de máis de 19 millóns de euros, aos que se engaden outros tantos de investimento privado, co que a suma total ascende a máis de 45 millóns de euros.