Galicia sitúase como exemplo europeo na loita contra o lixo mariño

AMariñaXa
CleanAtlantic traballou na busca de ferramentas de estudo, prevención, eliminación, formación e concienciación sobre o lixo mariño
xove limpeza esteiro mar plasticos 1
20 Jun 2021

Inaugurouse por videoconferencia o evento final do proxecto europeo CleanAtlantic, unha acción coa que Galicia se sitúa como un gran exemplo a nivel europeo na loita contra o lixo mariño dada a importante implicación público-privada acadada así como pola súa capacidade de xerar coñecemento global neste eido.

Nesta iniciativa -coordinada polo Centro Tecnolóxico do Mar e coa participación de 19 socios de Irlanda, Portugal, Francia, Reino Unido e España- están presentes socios galegos dependentes da Consellería do Mar como o propio Cetmar e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e outros como o Centro Oceanográfico de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela. A maiores hai outros actores implicados como os profesionais das confrarías de pescadores de Cambados e da Illa de Arousa así como o Servizo de Gardacostas de Galicia, o colexio e o instituto da Illa de Arousa, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), o Parque Nacional das Illas Atlánticas ou Tecnopesc.

A representante do Executivo galego salientou durante a xornada A loita contra o lixo mariño no Espazo Atlántico que este tipo de traballos mostran a importancia dunha cooperación integral para avanzar na prevención, seguimento e eliminación do lixo mariño así como a transcendencia da colaboración transnacional nun obxectivo no que ten un gran papel o sector pesqueiro. Neste sentido, subliñou que Galicia leva tempo traballando neste eido da man dos profesionais do mar.

Entre as iniciativas desenvolvidas na comunidade galega na última década están algunhas como Nada pola borda, Pescal ou 3R Fish, que permitiron realizar un diagnóstico dos residuos xerados pola actividade pesqueira e portuaria e analizar as posibles alternativas de xestión deses residuos. Agora está en marcha o Plan Marlimpo co obxectivo de protexer a biodiversidade e os ecosistemas mariños mediante a redución dos residuos presentes no mar en alianza cos traballadores do sector. 

Esta acción realízase recollendo e descargando nos portos os residuos que os profesionais atopan nos seus aparellos durante as súas xornadas de faena así como incentivando economicamente a recuperación de artes de pesca perdidas e a limpeza das zonas nas que hai unha maior acumulación ou coa realización de accións de formación e sensibilización para o conxunto da sociedade. 

“En Galicia sempre vimos que aquilo que agora resaltan os nosos colegas europeos, a alianza cos traballadores do mar, é esencial na loita contra o lixo mariño pois son os gardiáns dos nosos mares, e esta é unha mostra máis”, salientou a conselleira do Mar. Trátase dun problema, incidiu, que leva máis dunha década na axenda de Galicia pois coidar o mar supón coidar o seu patrimonio natural. “É algo intrínseco á nosa política marítimo-pesqueira. En Galicia estamos orgullosos do noso mar, do noso sector e da nosa Administración e dos organismos que a integran”, concluíu Rosa Quintana. 

Proxecto CleanAtlantic

O proxecto europeo CleanAtlantic pretende mellorar as capacidades de prevención, seguimento e redución do lixo mariño e está enmarcado no Programa Transnacional Espazo Atlántico 2014-2020. Nos seus tres anos de vixencia (2017-2020) e cun orzamento de algo máis de 3,2 millóns de euros, os investigadores do proxecto analizaron distintos mecanismos de estudo, prevención, eliminación, formación e concienciación sobre o lixo mariño desde distintas perspectivas en territorio europeo.

xove limpeza esteiro mar plasticos
0.1672739982605