Galicia reivindica o seu litoral como motor económico a través do turismo mariñeiro

AMariñaXa
O conselleiro do Mar salienta en Burela o papel estratéxico do sector pesqueiro na xornada da Rede de Turismo Pesqueiro de España
Villares-Mar-2025-abril
10 Apr 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este xoves en Burela na apertura da xornada da Rede de Turismo Pesqueiro de España, un evento organizado pola Fundación Expomar co obxectivo de poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro das comunidades costeiras. A iniciativa diríxese a profesionais do ámbito pesqueiro, náutico, hostaleiro e turístico, e busca promover o litoral como motor económico e social.

Durante o acto inaugural, Villares destacou a capacidade das zonas costeiras galegas para xerar riqueza e atraer visitantes, subliñando que o mar é unha fonte de identidade, cultura e futuro para Galicia. O titular de Mar fixo fincapé en que o Goberno galego traballa para reforzar esta visión a través de tres liñas estratéxicas: a Estratexia da Economía Azul, o Plan da Cultura Marítima de Galicia e os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALPs). Con estas ferramentas, apuntou, búscase garantir a sostibilidade e aumentar a competitividade dun sector que considerou "clave para o Produto Interior Bruto da comunidade".

O encontro, que se desenvolveu ao longo da mañá, contou con relatorios centrados nas oportunidades do turismo vinculado ao mar, así como cun espazo de diálogo no que se debateron ideas e propostas para avanzar cara a un modelo turístico sostible e respectuoso coa identidade mariñeira.

A parte máis lúdica da xornada chegou coa actuación musical A música do noso mar, a cargo da Fundación Legar. O espectáculo, interpretado por Xabier Blanco e Martina Ferradás, ofreceu un repertorio baseado na tradición oral e musical das xentes do mar, evocando a súa vida e cultura a través da música.

Como broche final, os asistentes puideron participar nunha degustación de produtos do mar, con especial protagonismo para os alimentos procedentes da costa cantábrica e atlántica galega. A iniciativa busca tamén difundir a calidade dos produtos pesqueiros locais, reforzando a súa visibilidade e conexión co sector turístico.

A xornada enmárcase nas actividades impulsadas pola Rede de Turismo Pesqueiro de España, un proxecto financiado co apoio dos fondos europeos do programa de recuperación Next Generation. Nesta rede participa activamente a Fundación Expomar, mentres que a coordinación corre a cargo do Consorcio de Turismo Sostible da Costa Occidental de Huelva.

⚙ Configurar cookies
0.16571187973022