Galicia reivindica en Bruxelas o papel da pesca e da acuicultura na seguridade alimentaria europea

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
A conselleira do Mar defende os alimentos azuis como clave dun sistema sostible, saudable e resiliente
barco-pesca-marina
29 Jan 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou en Bruxelas na conferencia internacional A contribución da pesca e da acuicultura á seguridade alimentaria, un foro no que puxo en valor o papel estratéxico dos produtos do mar no futuro do sistema alimentario europeo. Durante a súa intervención, Villaverde destacou que a pesca e a acuicultura fornecen alimentos de alto valor nutricional cun impacto ambiental reducido, ademais de garantir o subministro de proteína de calidade á cidadanía.

A responsable autonómica subliñou que o peixe é unha peza esencial dunha dieta equilibrada, ao achegar proteínas de alta calidade, ácidos graxos omega-3, vitaminas e minerais, con beneficios contrastados para a saúde e a prevención de enfermidades. Neste contexto, defendeu a necesidade de reforzar o recoñecemento institucional destes sectores nas políticas comunitarias.

Villaverde tamén salientou o modelo galego de xestión dos recursos mariños, baseado no coñecemento científico, a sustentabilidade ambiental e o equilibrio social e económico. Así mesmo, insistiu en que a Unión Europea debe ter en conta a realidade das rexións costeiras e do sector pesqueiro, especialmente da pesca artesanal, á hora de deseñar estratexias en materia de alimentación, clima e economía azul.

A conselleira apelou a incrementar o apoio europeo á pesca como actividade clave para a soberanía alimentaria, lembrando que investir nestes sectores supón fortalecer o emprego, a cohesión territorial e a seguridade alimentaria. Galicia, concluíu, está preparada para contribuír a este debate desde a experiencia, a innovación e unha xestión responsable do mar.

⚙ Configurar cookies
0.074331998825073