Galicia recorre a xuristas especializados en dereito europeo para reforzar a súa participación no recurso da frota contra o veto á pesca

AMariñaXa
Galicia recorre a xuristas especializados en dereito europeo para reforzar a súa participación no recurso da frota contra o veto á pesca
barco pesca marina 1
27 Xan 2023

O veto está a provocar que barcos de palangre de fondo fagan a conversión á volanta para eludir as restricións, algo que a longo prazo pode derivar nunha insuficiencia das posibilidades de pesca dalgunhas especies e tamén nun descenso da presenza de especies de amplo recoñecemento e valor como a pescada do pincho.

O Consello da Xunta analizou os pasos a dar pola comunidade autónoma para acompañar ao sector pesqueiro galego no seu recurso contra o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas en 87 zonas de augas comunitarias e constatou a necesidade de recorrer a xuristas especializados en dereito comunitario para que as súas demandas ante a Xustiza europea teñan máis posibilidades de prosperar.

O Executivo galego -que actuará como parte coadxuvante no recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7)- defende tanto a suspensión temporal da aplicación desta prohibición como a súa anulación definitiva, polo que decidiu contratar un servizo xurídico especializado para reforzar e apuntalar a súa estratexia e a da propia OPP co fin de acadar os mellores resultados posibles.

O prazo para que a comunidade poida exercer a súa potestade de actuar como parte coadxuvante será de seis semanas unha vez que o recurso da frota saia publicado, para información pública, no Diario Oficial da Unión Europea. A partir dese momento será fundamental actuar con celeridade e cunha estratexia ben definida, polo que se fai necesario recorrer a profesionais con experiencia na materia e familiarizados cos procedementos que rexen nas accións ante os tribunais europeos.

A Xunta exercerá así a mellor defensa posible dos seus intereses pilotando unha acción que a Asesoría Xurídica Xeral non pode exercer por si soa ao precisar de medios destacados ante os tribunais europeos. A mediación de xuristas especializados neste eido permitirá achegar os argumentos axeitados e artellar mellor a estratexia de defensa contra unha decisión totalmente desproporcionada, sen consulta previa e carente de informes científicos e socioeconómicos que a avalen.

A acción xurídica de urxencia do Executivo galego acompañando ao sector -que exercerá o bufete J&A Garrigues por importe de algo máis de 90.000 euros- pretende poñer fin a un veto que afecta a arredor de 200 buques galegos de xeito directo ben porque non poden faenar nas zonas vedadas ben polo solapamento de áreas de pesca, é dicir, pola concentración no mesmo espazo das embarcacións que viñan faenando tradicionalmente alí xunto coas expulsadas das zonas restrinxidas.

A aplicación desta medida está a provocar a conversión de embarcacións de palangre de fondo -unha das artes máis selectivas e a máis afectada polo veto- á volanta co obxectivo de eludir a prohibición e poder faenar con relativa normalidade. Esa práctica, xunto a outros factores alleos, motivou que desde a entrada en vigor da prohibición -o pasado 9 de outubro- as capturas e a facturación da frota galega que faena no Gran Sol tivesen un comportamento estable pero cunha distorsión da oferta habitual.

Neste sentido, a longo prazo pode supoñer importantes prexuízos tanto por unha posible insuficiencia das cotas de pesca das principais especies -a volanta é máis intensiva no consumo das posibilidades de captura que o palangre- como por unha probable caída da oferta dun dos produtos máis recoñecidos e valorados das lonxas galegas como é a pescada do pincho.

pesca arrastre fondo mar
0.19636106491089