Galicia planta cara á UE e Tailandia para protexer a industria conserveira galega

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
O conselleiro do Mar reclama no Parlamento unidade política contra a inclusión do atún en conserva no Acordo de Libre Comercio polo impacto que tería sobre o sector
VillaresConselloConsultivo-(2)
Asistentes aos eventos de Burela
6 May 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, compareceu este martes no Parlamento de Galicia para defender a posición do Goberno galego nas negociacións entre a Unión Europea e Tailandia para un futuro Acordo de Libre Comercio. O titular da carteira reclamou o apoio unánime das forzas parlamentarias galegas fronte á posibilidade de que as conservas de atún se inclúan neste tratado, unha medida que considera altamente prexudicial para a industria conserveira da comunidade, líder no ámbito europeo.

Villares advertiu das consecuencias que suporía permitir a entrada masiva de produto tailandés sen aranceis: unha baixada nos prezos, deslocalización da produción, perda de empregos e debilitamento da cohesión territorial. A advertencia, explicou, xa foi trasladada ao comisario europeo de Pesca, Costas Kadis, en varias reunións, a última o pasado 29 de abril. Nelas Galicia esixiu a aplicación efectiva dos principios de “level playing field” —igualdade de condicións— no mercado pesqueiro europeo.

O conselleiro subliñou que Tailandia representa o 30% do comercio mundial de conservas de atún e exporta 10.000 toneladas anuais á UE cun arancel do 24%. Advertiu que a súa industria está baixo investigación internacional por prácticas laborais e ambientais moi graves, como a escravitude, o traballo infantil ou a pesca ilegal, mentres que a frota europea, especialmente a galega, é un exemplo de responsabilidade e sustentabilidade, cun control estrito, presenza de observadores científicos en todos os buques e certificacións como o selo MSC e normas Aenor e Arnor.

Villares puxo tamén en valor o papel de Anfaco-Cecopesca, entidade que agrupa máis de 250 empresas —57% delas galegas— cunha facturación que roza os 14.300 millóns de euros e emprega a unhas 26.000 persoas, máis do 70% en Galicia. A Xunta, indicou, traballa con esta organización nunha estratexia común para preservar a competitividade do sector.

O conselleiro criticou duramente a “asimetría regulatoria” que existe no comercio internacional, xa que, ao seu xuízo, favorece a quen incumpre as normas e penaliza a quen as segue. Un erro que, segundo afirmou, Galicia está combatendo desde a Consellería do Mar no proceso de revisión da Política Pesqueira Común.

⚙ Configurar cookies
0.15724587440491