Galicia Latente achega un obradoiro sobre a importancia da cultura a O Vicedo

AMariñaXa
O Concello do Vicedo organiza un obradoiro do proxecto Galicia Latente, baixo o nome de construíndo conciencias.
18 Abr 2024

O Concello do Vicedo organiza un obradoiro do proxecto Galicia Latente, baixo o nome de construíndo conciencias. A actividade comeza cunha presentación sobre a importancia e dimensión da cultura, continuado cunha proxección do documental Galicia Latente e logo un coloquio titulado Retos e oportunidades da cultura galega, rematando cunha recollida de valores locais.

A proposta terá lugar o sábado 20 de abril a partir das 17.00 horas no Teleclube de Riobarba. Con esta actividade preténdese dar a coñecer e concienciarse sobre o valor da nosa contorna, das súas debilidades –como estamos a vivir co envellecemento poboacional- e das súas potencialidades –como a cultura ou o patrimonio nos pode aportar valores-. Neste caso, comezarase cunha reflexión sobre a cultura.

O proxecto Galicia Latente xa estivo presente en Santiago, no Courel, Bruxelas, París ou San Cibrao. É unha iniciativa de Eduardo de Martís. Galicia Latente é un proxecto para achegar ás persoas o valor social, económico e sustentable que atesoura a cultura galega no presente. Ten como base un estudo-libro homónimo de recollida e divulgación fotográfica da cultura galega e as súas múltiples realidades que estamos a vivir en Galicia. Está autoeditado polo fotógrafo Eduardo de Martís e componse de 221 páxinas, 233 fotografías feitas entre os anos 2020 e 2023, ao longo de máis de 140 concellos galegos, incluído o do Vicedo.

0.17344188690186