Galicia e a Bretaña francesa coinciden na necesidade de defender o sector pesqueiro
A conselleira do Mar urxe ao Goberno central a presentar o recurso xudicial contra esta decisión pois o prazo remata o vindeiro 19 de novembro, en apenas dúas semanas, e a solicitar a suspensión temporal da súa aplicación.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou xunto ao vicepresidente de Mar e Litoral do Consello Rexional da Bretaña francesa, Daniel Cueff, nun encontro con responsables doutras rexións afectadas pola prohibición da pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias no que se avaliaron as consecuencias desta medida para a frota. Neste sentido, as dúas principais rexións pesqueiras europeas coincidiron na necesidade de defender o sector ante decisións inxustificadas e sen base científica adoptadas por Bruxelas coma esta.
A representante do Executivo galego lembrou que Galicia comezou a traballar xa en 2020 na protección do labor dos pescadores galegos unha vez que comprobou que a Estratexia de Biodiversidade impulsada pola Comisión Europea era en exceso medioambientalista ao atribuír á pesca a maioría dos males que afectan aos mares e océanos. Desde entón, mantivo encontros co sector e elaborou informes para avalar a actividade sustentable que realiza a frota e as consecuencias socioeconómicas que terían as restricións en determinadas artes de pesca.
A conselleira incidiu en que, unha vez en vigor o regulamento de execución aprobado polo Executivo comunitario, a única ferramenta da que dispoñen o sector e os estados membros na defensa dos seus intereses é o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Por iso, urxiu ao Goberno central a presentar canto antes o recurso contra o veto á pesca de fondo e solicitar a súa suspensión temporal posto que o día 19 deste mes remata o prazo para poder facelo, en apenas dúas semanas.
Rosa Quintana tamén animou aos armadores a recorrer á vía xudicial de xeito individual e lembrou que a Xunta xa entregou tanto ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación como aos representantes do sector os argumentos recollidos nas últimas semanas por xuristas especializados coa finalidade de que poidan fundamentar os seus recursos. Ese documento tamén foi remitido a outras rexións europeas como a Bretaña francesa ou Pays de Loire.
Nesta liña, a conselleira salientou que a actividade extractiva é unha das máis respectuosas co medio ambiente, cunha baixa pegada de carbono e nula pegada hídrica, ao tempo que subministra alimentos de calidade á cidadanía fundamentais para ter unha alimentación saudable, polo que lamentou a posta en marcha de medidas coma esta que dificultan o desenvolvemento da actividade.
A representante da Xunta, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, subliñou que Galicia aposta tamén pola preservación dos fondos mariños e a protección dos recursos, pero de xeito proporcional, equilibrado e compatible coa actividade pesqueira sustentable que desenvolve a frota galega. Neste sentido, recordou que Bruxelas aprobou o veto de xeito unilateral, sen consulta previa ao sector e sen datos científicos que o xustificasen.
O encontro
A xuntanza de responsables das rexións europeas afectadas pola pesca de fondo celebrouse na sede da Fundación Galicia Europa e nela participaron, ademais do vicepresidente de Mar e Litoral do Consello Rexional da Bretaña francesa, representantes de Pays de Loire (Francia), do País Vasco, Andalucía, do Grupo de Pesca e Acuicultura da Comisión Arco Atlántico e da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas da Unión Europea.
Este encontro dá continuidade aos contactos mantidos nas últimas semanas con outras comunidades autónomas españolas e rexións pesqueiras europeas para facer unha fronte común contra a decisión de Bruxelas de prohibir a pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias, unha medida que afecta a frotas como a de palangre de fondo, a volanta ou o arrastre, con máis de 200 buques galegos afectados de xeito directo.