Galicia e a Bretaña alíanse para defender os intereses pesqueiros

AMariñaXa
Galicia e a Bretaña alíanse para defender os intereses pesqueiros. Foi nunha reunión no país galo no que acudiu a conselleira de Mar
barco pesca mar
12 Feb 2022

A comunidade acollerá a finais de maio un evento no marco da revisión da Política Pesqueira Común para impulsar o papel das rexións costeiras ao que a conselleira convidou aos presentes no foro co obxectivo de apoiar ao sector pesqueiro europeo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou no Foro das Rexións Costeiras que se celebra en Brest e visitou o porto local onde mantivo distintos encontros con representantes do sector pesqueiro e autoridades da Bretaña francesa. Eses contactos teñen como obxectivo impulsar a pesca galega, estreitar os seus lazos con esta rexión gala e reforzar a súa posición e a defensa dos seus intereses ante as institucións comunitarias pois trátase das dúas rexións pesqueiras máis importantes da Unión Europea.

A titular de Mar defendeu a necesidade de avanzar no desenvolvemento da economía azul nas rexións costeiras europeas e pediu ao comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, que nos plans de Bruxelas para impulsar esta actividade haxa un equilibrio entre as distintas competencias que integran a súa carteira -tanto os aspectos medioambientais como os pesqueiros- o que contribuiría a unha harmonía no uso dos espazos marítimos.   

Así o solicitou durante a súa intervención no Foro das Rexións Costeiras, organizado pola Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) e a rexión francesa de Bretaña no marco do cumio One Ocean, un encontro organizado pola Presidencia francesa da UE que se celebra desde o mércores en Brest e que é o máis importante do semestre para os socios europeos pois nel abórdanse asuntos de gran relevancia para a política comunitaria. Alí a titular de Mar lembrou que o comisario tivo a oportunidade de visitar Galicia e coñecer a súa riqueza marítimo-pesqueira, polo que apelou á súa sensibilidade para tratar a todos os sectores con equidade e evitar que haxa avances a distintas velocidades.

Este encontro pretende reafirmar o papel das rexións en materia de economía azul sustentable e avaliar as necesidades e prioridades de investimento nas rexións marítimas periféricas. Nel Rosa Quintana puxo en valor as experiencias postas en marcha en Galicia, como os proxectos desenvolvidos polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) ou os vencellados coa estratexia de crecemento azul da Autoridade Portuaria de Vigo, e lembrou que a comunidade traballa xa no deseño da Estratexia Galega da Economía Azul para incluír nela todas as actividades económicas vencelladas co mar. 

A representante da Xunta lembrou que a comunidade aprobou desde 2016 máis de 600 iniciativas promovidas polos GALP, cun investimento público de preto de 40 millóns de euros e unha aportación privada de arredor de 50 millóns de euros, mentres que no caso do porto de Vigo son máis de medio cento os proxectos impulsados, aos que se engaden outras 50 accións, a maioría en fase de execución. 

A conselleira do Mar tamén lembrou que Galicia participou en novembro na Conferencia sobre o Futuro de Europa e acolleu a xornada Todas as oportunidades do mar: avanzando na economía azul, na que quedou patente o esforzo realizado pola comunidade neste eido. Nesta liña, apelou a que o Parlamento Europeo recolla no seu informe sobre o desenvolvemento da economía azul as inquedanzas expostas durante a súa celebración.

Rosa Quintana pediu ademais a colaboración da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo para que oriente ás rexións costeiras sobre cal é o mellor xeito de que a súa voz sexa escoitada e os seus intereses defendidos -que teñan maior peso na toma de decisións- nunha estratexia que supera as súas fronteiras.  

Sobre este asunto, a titular de Mar lembrou que Galicia prevé celebrar en Bruxelas un seminario en colaboración coa CRPM co obxectivo de clarificar as potenciais opcións de financiamento que teñen as estratexias de economía azul. Ao mesmo tempo, incidiu en que a comunidade acollerá a finais de maio un evento para impulsar o papel das rexións no marco do informe elaborado en Galicia sobre a revisión da política pesqueira común (PPC), que a Comisión Europea prevé para o segundo semestre de 2022. De feito, a conselleira animou a todos os presentes a facer un oco nas súas axendas para acompañar ás rexións costeiras neste encontro e “apoiar a un sector tan necesario como o pesqueiro lexislando para facer o seu labor máis sinxelo, sustentable, atractivo e vangardista”.

O EVENTO

O Foro das Rexións Costeiras contou cunha primeira parte centrada na mellora das políticas marítimas da Unión Europea avaliando a gobernanza multinivel e o enfoque das concas marítimas. Neste bloque de debate, moderado polo secretario xeral da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas, Eleni Marianu, participaron o comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, o ministro francés de Asuntos Exteriores, Jean-Yves Le Drien, o presidente da CRPM e ministro rexional da provincia de Noord-Holland, Cees Loggen, e unha representante da Presidencia da Comisión do Arco Atlántico e do Goberno do País Vasco. 

No segundo bloque do encontro, unha mesa redonda das rexións membros da CRPM na que participou a conselleira do Mar, debateuse sobre o financiamento da economía azul sustentable nas rexións marítimas periféricas da UE. Esta parte estivo moderada polo director executivo da CRPM, Nicolas Brookes, e, ademais de Rosa Quintana, participaron a vicepresidenta de Transporte da CRPM e conselleira do Goberno de Murcia, Valle Miguélez, o vicepresidente de Asuntos Marítimos da CRPM e ministro rexional de Creta, George Alexakis, o presidente da rexión de Reunión, Huguette Bello, o ministro de Cultura e Medio Ambiente da Polinesia Francesa, Heremoana Maamaatuaiahutapu, e o ministro de Medio Ambiente e Colectividade de San Martín, Pascale Alix-Laborde.

REUNIÓNS CO SECTOR

A conselleira do Mar aproveitou a celebración do foro para realizar distintas visitas e encontros con autoridades locais. De feito, estivo na lonxa de Brest e mantivo reunións cos representantes do Comité de Pesca de Finistère -a entidade asociativa do sector pesqueiro local- e doutras institucións rexionais co obxectivo de establecer estratexias conxuntas en materia de planificación marítimo-pesqueira pois Galicia é a primeira rexión pesqueira da UE e a Bretaña francesa é a segunda. Entre eles estiveron o vicepresidente para Asuntos Marítimos de Bretaña, Daniel Cueff, e a directora xeral de Pesca da rexión, Anne-Violaine Trocmé.

Un dos asuntos abordados nos encontros foi a revisión da Política Pesqueira Común e o impacto que poden ter no sector pesqueiro as distintas propostas da OMC e da Comisión Europea para eliminar ou reducir as bonificacións aos combustibles da frota. En relación á PPC, a conselleira valorou a importancia de poder avanzar da man de Bretaña na defensa dos intereses do sector pesqueiro de cara á futura folla de ruta da pesca europea. 

Nesta liña, expuxo que a estratexia galega, aprobada esta semana no seo do Consello Galego de Pesca, incide na importancia de que a PPC se centre en aspectos básicos e clave como a remuda xeracional, a sustentabilidade da actividade marítimo-pesqueira e a igualdade de condicións no seu desenvolvemento. O encontro enmárcase nos contactos que realizará a Xunta na busca de aliados para defender os intereses comúns neste ámbito.

En canto ás propostas de eliminar as bonificacións aos combustibles, Rosa Quintana manifestou a preocupación de Galicia ante o impacto que poden ter no sector pesqueiro. Neste sentido, destacou que un informe encargado pola Xunta e remitido a distintas institucións comunitarias reflicte que esta medida provocaría que boa parte da frota galega deixase de ser rendible ao tempo que destaca a baixa pegada de carbono desta actividade dentro da produción de alimentos. O obxectivo deste traballo e da busca de aliados é que as aportacións de Galicia sexan tidas en conta polas distintas institucións que participan nos debates e negociacións neste eido.

0.19819211959839