Galicia convoca un Consello Galego de Pesca tralo acordo sobre o Brexit

TerraChaXa | AMariñaXa
A Consellería do Mar e representantes do sector pesqueiro galego concordaron convocar un Consello Galego de Pesca extraordinario nos vindeiros días co obxectivo de analizar polo miúdo o acordo acadado entre a Unión Europea e o Reino Unido sobre o brexit e avaliar a incidencia que terá na economía da comunidade.
28 Dec 2020

A Consellería do Mar e representantes do sector pesqueiro galego concordaron convocar un Consello Galego de Pesca extraordinario nos vindeiros días co obxectivo de analizar polo miúdo o acordo acadado entre a Unión Europea e o Reino Unido sobre o brexit e avaliar a incidencia que terá na economía da comunidade. Este encontro permitirá aos distintos actores do sector marítimo-pesqueiro de Galicia intercambiar as súas impresións sobre o acordo e deseñar a estratexia galega na defensa dos intereses do sector de cara a paliar na medida do posible os efectos negativos que terá de xeito directo na frota galega pola perda de cotas de pesca e outras derivadas da xestión e ordenación da pesqueiras.

Así o sinalaron durante unha reunión por videoconferencia mantida esta mañá entre a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e membros do seu equipo con representantes de distintas entidades asociativas do sector -as federacións galega e nacional de confrarías de pescadores, a asociación viguesa de armadores de Gran Sol Anasol, a asociación coruñesa Arpesco, a Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo e Puerto de Celeiro- na que fixeron unha análise preliminar das consecuencias do acordo.

As partes constataron a necesidade de que a Administración galega e o sector vaian da man na defensa dos intereses da comunidade pois o acordo supón a redución das posibilidades de pesca da frota que faena en augas de Gran Sol ata 2026, co consecuente impacto nos portos galegos nos que eses buques adoitan operar, así como nas derivadas que este axuste pode ter na ordenación e xestión das pesqueiras tanto en Gran Sol como no Cantábrico-Noroeste.

Por iso, a Xunta vai encargar dous informes sobre a incidencia do acordo no sector, un de carácter técnico-administrativo e centrado no impacto que terá na actividade extractiva e na comercialización dos produtos pesqueiros á Fundación MarInnLeg e outro para analizar os aspectos e implicacións xurídicas do acordo ao Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña.

Os representantes do sector e do Executivo galego mostraron a súa preocupación ante os aspectos aínda descoñecidos sobre a relación entre a UE e o Reino Unido a partir de 2021 e lamentaron que todo aquilo que se perde agora en posibilidades de captura non se vai recuperar en 2026, cando haxa que negociar de novo a relación a futuro entre europeos e británicos. Nesta liña, manifestaron a incerteza que xera esta situación para as empresas galegas e expuxeron que complica a realización de investimentos a longo prazo ao descoñecer como será a súa actividade pasado este período transitorio.

Os responsables da frota de litoral tamén incidiron en que a perda de posibilidades de captura que implica o acordo sobre o brexit vén a sumarse ao recorte sufrido no Consello de Ministros de Pesca da UE da semana pasada, no que se fixaron os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2021 no caladoiro Cantábrico-Noroeste. O acordo supón un novo atranco para o sector pois terá que aumentar aínda máis a presión sobre certas pesqueiras e ve limitadas as posibilidades de planificar mellor e diversificar a súa actividade extractiva. 

Contactos co sector

A xuntanza telemática mantida hoxe cos representantes do sector pesqueiro galego dá continuidade á celebrada onte cos responsables da Alianza Pesqueira Europa (EUFA) en Galicia, na que a Consellería do Mar constatou as súas impresións negativas sobre un acordo do brexit en materia pesqueira do que só tivo coñecemento trala súa publicación na web da Comisión Europea.

O Executivo galego manterá novos contactos co sector nos vindeiros días co obxectivo de coñecer as súas impresións e aportacións na defensa dunha actividade vital para Galicia e da que dependen milleiros de familias. Por iso, defendeu a titular de Mar, a prioridade da Xunta será sempre ir da man do sector e protexer os seus intereses en todos os foros nos que sexan sometidos a debate.   


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17516398429871