Galicia asistiu a feira Seafood coa presentación dun estudo sobre o polbo

TerraChaXa | AMariñaXa
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, destacou o papel de Galicia como maior produtor de cefalópodos de España e de Europa durante a presentación dun avance do estudo sobre o mercado do polbo elaborado polo Observatorio Europeo dos Produtos da Pesca e da Acuicultura (Eumofa, polas súas siglas en inglés).
Galicia asistiu a feira Seafood coa presentación dun estudo sobre o polbo
11 May 2019

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, destacou o papel de Galicia como maior produtor de cefalópodos de España e de Europa durante a presentación dun avance do estudo sobre o mercado do polbo elaborado polo Observatorio Europeo dos Produtos da Pesca e da Acuicultura (Eumofa, polas súas siglas en inglés). Durante o acto, que se celebrou no posto da Consellería do Mar da feira Seafood de Bruxelas, a representante do Executivo galego explicou que España é o maior produtor e comercializador deste cefalópodo na Unión Europea, por diante de Italia e Portugal, grazas á contribución de Galicia.
A directora xeral de Pesca salientou a importancia de contar con este tipo de informes e enxalzou o labor da Eumofa, “unha organización que traballa para incrementar a transparencia e a eficiencia do mercado da pesca e da acuicultura, analiza a dinámica dos mercados e serve de apoio ás empresas e profesionais do sector”. Este traballo, incidiu, fai “un innegable servizo” na mellora das políticas públicas relacionadas cos produtos do mar.
A presentación que acolleu o stand de Galicia correspóndese cun avance do estudo completo do mercado do polbo que se publicará a finais deste ano e que supón a actualización doutro informe xa realizado pola Eumofa en 2018. “Desde a Xunta queremos agradecer esta interesante iniciativa xa que nos permite participar e divulgar o traballo desta importante organización e fainos partícipes dos resultados de mercado dunha especie de tanta relevancia no noso mercado: en Galicia, en España e en Europa”, explicou Mercedes Rodríguez.
O avance do estudo indica que as capturas mundiais do polbo común -o Octopus vulgaris, como o que se pesca en Galicia- acadaron as 460.000 toneladas en 2017, das que a Unión Europea aporta o 7%. De feito, os desembarques en portos da UE superaron en 2016 as 30.000 toneladas, cun valor de máis de 160 millóns de euros. España, Portugal e Italia concentraron o 80% desas descargas.
O traballo da Eumofa tamén incide no descenso das cantidades desembarcadas na última década e da facturación derivada delas, pero salienta que o prezo medio desta especie aumentou un 23%. Entre as lonxas de España que máis polbo fresco recibiron durante 2017, o estudo inclúe varias galegas como Vigo (6% do total), Ribeira (4%), A Coruña (3%) e Burela (3%).
O informe tamén aborda o mercado exterior do polbo, cos principais países de orixe e destino, as tendencias de consumo nos fogares e unha análise dos prezos deste cefalópodo no mercado comunitario.
 

0.16490697860718