Galdo prepárase para unha nova edición da histórica Feira das Maulas con máis de 300 anos de tradición

AMariñaXa
O evento celebrarase o 11 de maio con feira de gando, probas federadas, música en directo e premios para os gandeiros
feira-das-maulas-fotos-antigas-1970
4 May 2025

A parroquia de Galdo, no concello de Viveiro, será o escenario o vindeiro domingo 11 de maio dunha nova edición da tradicional Feira das Maulas, unha celebración con máis de tres séculos de historia que combina feira de gando, competicións ecuestres e ambiente festivo.

A xornada comezará ás 10:00 horas cun mercado popular e a clásica feira de gando, na que se permite a presenza de gando vacún, ovino e caprino con guía de ida e volta. Ás 11:00 horas darán comezo as probas de andadura federada, unha das citas máis esperadas polos amantes do mundo ecuestre.

A festa continuará ás 14:00 horas coa sesión vermú amenizada polo Grupo Dorados, que tamén porán música ao baile da tarde, previsto tras a continuación das carreiras federadas a partir das 16:00 horas.

Como incentivo para os gandeiros, entregarase un premio de 80 euros ao maior número de cabezas de gando vacún e outro tanto para quen presente o maior número de cabezas equinas.

Desde a organización destacan o valor histórico e cultural desta feira que, ano tras ano, mantén viva unha tradición profundamente enraizada na comarca e que serve tamén como punto de encontro entre veciñanza, visitantes e profesionais do sector agrogandeiro.

⚙ Configurar cookies
0.16381001472473