Gaia organizou varias actividades no Ceip Virxe do Carme de Burela para conmemorar o Día da Educación Ambiental
Hoxe celébrase o día da educación ambiental e Gaia organizou varias actividades esta semana no Ceip Virxe do Carme para conmemorar esta data.
As monitoras de Gaia, do Concello de Burela, explicaron que “estivemos co alumnado de infantil do Ceip Virxe do Carme con debuxos animados de temática medio ambiental. E tamén coas rapazas e rapaces de 4º de Primaria aos que lles ofrecemos unha charla sobre o contedor marrón, que a finais deste ano ten que estar xa implantado nas localidades de máis de 5.000 habitantes. Será cuarto para a recollida selectiva. Neste recipiente poderemos depositar, por exemplo, restos de alimentos, de plantas, de vexetais e de froitas ou cartón, servilletas e panos de papel manchados con restos de comida. Explicámoslles que a bolsa debe estar pechada e que non pode levar líquidos”.
Desde Gaia engadiron que “o depositado no contedor marrón irá para á planta de tratamento de Cervo e logo alí será convertido en compost, é dicir en abono natural”.