Gadoupas e Míriam Bermúdez apostan por zonas para cans e sancións para quenes non limpan os excrementos en Viveiro
A alcaldable polo BNG, Míriam Bermúdez, ten claro que Viveiro, con máis de 3.200 cans censados, precisa dunha norma reguladora, máxime "cando existiron múltiples peticións por parte da veciñanza e incluso con recollidas de sinaturas para esta petición, que non foron atendidas e que un goberno do BNG consideraría imprescindible escoitar".
"Pasaron 4 anos nos que o BNG atendeu as demandas da veciñanza propoñendo habilitar praias e zonas verdes para cans, establecer horarios nas praias e sacar adiante a Ordenanza de Tenza de Animais", di Bermúdez, necesidades nas que asegurou "co BNG no goberno estas demandas estarían xa resoltas, son doadas de executar, tan só se precisa vontade política. É preciso habilitar zonas para mellorar a convivencia e cubrir esta necesidade."
Gadoupas puxo de manifesto no encontro con Míriam Bermúdez e varios membros do BNG de Viveiro, os escasos recursos cos que contan para dar cobertura ás necesidades da protectora e de control de gatos na rúa, tales como: maior financiación para facer fronte aos gastos de alimentación e servizo veterinario, xa que a que teñen non é suficiente para mellorar as instalacións e habilitar refuxios para as colonias de gatos, os cales aportarían ademais dun maior benestar para os animais, unha mellora da estética urbana e da hixiene nestas zonas.
O proxecto de goberno do BNG contempla habilitar zonas verdes para cans, establecer horarios nas praias e determinar as praias de Seiramar e Arnela como praias caninas. A creación dun Convenio entre Concello e Gadoupas que lles permitiría optar a subvencións para incrementar a súa financiación e que permitiría reforzar o programa de voluntariado. Tamén contempla a implantación de políticas de educación para a cidadanía para concienciar ás persoas con mascotas da necesidade de limpar excrementos e ouriños, ofrecer recursos para evitar estes xestos, como bolsas e botelliñas con auga e xabón, e sacar adiante o regulamento para poder sancionar en caso de incumprimento.
Míriam Bermúdez é contundente: "nós témolo claro: atender as necesidades dos animais é un beneficio para toda a comunidade. Tanto é necesario habilitar zonas para cans como o é aumentar as cuantías das sancións para os donos que non limpan os excrementos. Debemos implicarnos, e o concello é o primeiro que debe dar exemplo"