Francisco Piñeiro González, futuro Fillo Predilecto de Mondoñedo tras o apoio unánime do Pleno

AMariñaXa
O recoñecemento premia unha ampla traxectoria docente, cultural e teatral sempre vinculada á súa terra
Francisco-Pineiro-mondonedo-fillo-predilecto
14 Aug 2025

No último Pleno Ordinario celebrado na Casa Consistorial de Mondoñedo, aprobouse por unanimidade unha proposta de Goberno para que D. Francisco Piñeiro González sexa distinguido co título honorífico de Fillo Predilecto da cidade. Todos os grupos políticos con representación municipal apoiaron a proposta, poñendo de manifesto o consenso arredor da figura deste mindoniense de longa traxectoria profesional e compromiso social.

Segundo Alberto García, concelleiro de cultura local, "Paco sempre foi un mindoniense preocupado pola súa vila participando activamente na vida cultural da cidade. Reflexa ademais un exemplo da cultura do esforzo, acadando os seus retos con entrega e traballo. Sen dúbida, Un exemplo de compromiso coa cultura e co territorio, con Mondoñedo e con toda A Mariña".

Piñeiro iniciou a súa labor docente en Sant Cugat del Vallès (Barcelona), dende onde regresou para traballar en diversas comarcas galegas, ata afincarse na Mariña Lucense. Ademais da súa tarefa pedagóxica, desenvolveu un intenso labor cultural, impulsando experiencias teatrais no Auditorio de Sargadelos, onde escribiu e representou dez pezas de teatro infantil.

Foi fundador e director de varios grupos teatrais para público adulto: O Bordelo de Cervo (1998), A Adala de Fazouro (1999), a Agrupación Teatral “Francisco Piñeiro” (2000) e O Batán de Cangas (2009). Con eles sumou máis de seiscentas representacións por escenarios de Galicia e Asturias, sempre con textos da súa autoría, todos eles escritos en galego. Tamén é autor das obras interpretadas polo grupo Ardora de San Cibrao.

En 2011 foi pregoeiro das festas de As Quendas, un papel que exerceu con orgullo como embaixador cultural de Mondoñedo.

A aprobación plenaria supón o inicio do expediente administrativo que, en breve, culminará co acto oficial de nomeamento. Dende a corporación municipal destacouse que este é un “recoñecemento máis que merecido” para quen leva toda unha vida poñendo en valor a cultura e identidade galegas.

⚙ Configurar cookies
0.19610500335693